29-11-2023
O Concello aproba o orzamento máis alto da súa historia: 8,6 millóns e reforzo do social e infraestruturas
O Concello de Vimianzo aprobou esta mañá en Pleno os orzamentos máis altos da súa historia: 8,6 millóns de euros con especial fincapé no reforzo do social e as infraestruturas.
Contou cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención do Partido Popular de Vimianzo e os votos en contra de ambos concelleiros do BNG de Vimianzo. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo recalcar “a importante aposta pola optimización dos servizos públicos e a planificación coa que foron confeccionados os orzamentos para o 2024”.
A rexedora quixo agradecer “a implicación total e o traballo dos departamentos de Tesourería, Intervención e os servizos económicos municipais en xeral”. Cabe destacar que este documento non presenta déficit no balance dos capítulos de investimentos e gastos, cumprindo así o disposto no artigo 165.4 do Texto Refundido da Lei Reguladora da Facenda Local aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004 do 5 de marzo.
Neste documento está recollida a Relación de Postos de Traballo do Concello de Vimianzo, na que se reflicte o cadro de persoal funcionario das áreas administrativas, económicas, alcaldía, acción social, cultura e deportes e urbanismo.
No ámbito dos servizos públicos básicos recóllese unha partida de 3,6 millóns de euros. Destácanse a asistencia social primaria e o fomento do emprego. Nas actuacións de protección e promoción social, serán 1,8 millóns os destinados a tal finalidade. O funcionamento dos centros de ensino públicos, bibliotecas, equipamentos culturais e museos, protección e xestión do patrimonio histórico-artístico, festas populares e promoción e fomento do deporte son os eidos máis destacados. Crearase unha partida exclusiva para a muller e igualdade por primeira vez na historia do Concello de Vimianzo.
Na área de produción de bens públicos de carácter preferente dedicaranse 1.294.373,62 euros, con especial fincapé no mantemento de estradas, a adquisición de terreos para a futura Escola Infantil Municipal e tamén para o futuro miradoiro na ría de Cereixo, a compra de nova maquinaria, a potenciación do turismo e a cultura, o asociacionismo e o apoio ás Comisións de Festas e ao deporte local.
Os impostos, sen incrementarse
Un dos temas que máis preocupan á veciñanza, e con razón, son os impostos a pagar en cada exercicio económico. O Concello de Vimianzo non contempla unha suba neste senso, manténdose como estaban ata o de agora.
Outros puntos da Orde do Día
No Pleno celebrado hoxe, mércores 28 de novembro, tamén se aprobou nova Ordenanza Fiscal e Reguladora da Feira. A que está vixente fora aprobada no 1989 e derogada na pandemia. A idea é que entre en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2024 e regulará os espazos e a xestión da mesma. Contou cos votos favorables do grupo de goberno, a abstención do PP de Vimianzo e os votos en contra dos nacionalistas.
Tamén a Ordenanza municipal reguladora da xestión da venda ambulante no termo municipal de Vimianzo, por unanimidade. O obxectivo da mesma é actualizar o réxime tributario básico e implantar a capacidade de obtención de recursos mediante o pago dos impostos correspondentes.