Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo acollerá o vindeiro sábado, 18 de novembro, a presentación do documental ‘Cardoña fotos a 7 pesetas’, no que se repasa a vida profesional do fotógrafo José Gestal.
A actividade, promovida pola Deputación da Coruña, enmárcase na programación cultural de inverno. Durante o evento, que comezará ás 20:30 horas, proxectarase esta peza audiovisual e, ademais, realizarase un coloquio con Carlos Lorenzo, director e produtor da mesma.
José Gestal traballou de maneira itinerante por distintos concellos da provincia no século XX. No filme recóllese como o fotógrafo percorría as rúas das cidades en busca de persoas ás que fotografar e, posteriormente, a quen venderlle estas imaxes. Ademais, tamén se pon en valor o traballo “invisible” que realizaba a súa muller, que era a encargada de todo o labor de laboratorio necesario para revelar as fotografías.
As imaxes son de gran valor cultural e documental, xa que mostran como era o modo de vida daqueles anos, os oficios, as tradicións e as paisaxes rurais dunha contorna que non parou de cambiar.
Desde o goberno local animan á veciñanza a achegarse ata a Casa da Cultura e gozar desta peza, que foi seleccionada para importantes festivais de cine a nivel nacional e internacional.