13-10-2023
Vimianzo encara a segunda fin de semana da programación cultural de outono e inverno
A programación cultural de outono e inverno do Concello de Vimianzo arrincará a súa segunda fin de semana con dúas citas no Auditorio da Casa da Cultura. Despois da súa estrea a pasada fin de semana, a programación volve con dous eventos moi diferentes entre si para ofrecer á veciñanza unha oferta do máis variada.
Comezará coa sesión de adultos do sábado 14 de outubro, na que se interpretará a obra de teatro ‘Misery’ ás 20:30 horas. Este espectáculo de terror psicolóxico é unha adaptación teatral da famosa novela de Stephen King, na que o público temerá pola seguridade da persoaxe principal como el mesmo o fai. A entrada ten un custe de 5 euros e non está recomendado para menores.
‘Misery’ chega a Vimianzo no marco da quinta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Está interpretada pola compañía asturiana ‘Saltantes Teatro’ e, ao finalizar a obra, haberá un encontro co público no que tamén participará, e mediará, Santiago Cortegoso, director de ‘Ibuprofeno Teatro’ e presidente de Escena Galega.
O domingo 15 de outubro terá unha tarde de cine coa proxección da película ‘As Bestas’. A sesión dará inicio ás 18:30 horas e está encadrada dentro do VI Ciclo Nacional de Cine y Mujeres Rurales.
O filme, nominado aos Óscar e tres veces gañador dun Goya, relata a rivalidade entre dúas familias, que chega a un punto de violencia e hostilidade de non retorno. Neste caso a actividade é de balde.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, afirma que “traballamos para que os veciños e veciñas de Vimianzo poidan elixir entre varias opcións de calidade na oferta cultural de outono e inverno. Esta fin de semana é un bo exemplo disto: temos por unha banda teatro e da outra, cine con maiúsculas”.