05-10-2023
Vimianzo, Muxía e Camariñas urxen á Xunta unha solución ante a praga de vermes que afecta ás tres localidades
O Concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas urxen á Xunta de Galicia unha solución ante a praga de vermes que a estas tres localidades da Costa da Morte. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, xa trasladou hai varios días a inquedanza neste sentido ao organismo autonómico, do que aínda se
agarda resposta.
Tanto o alcalde de Muxía, Iago Toba, como a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, insisten na necesidade de “coñecer as medidas que podemos tomar nun contexto onde non temos competencia algunha para actuar”.
Desde a Administración local vimiancesa xa se trasladou un escrito solicitando instrucións para rematar con este problema, ante a alarma social xerada por estes
insectos e á inquedanza respecto á posible afectación a cultivos e plantacións. Os Concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo preguntan sobre a posibilidade de levar a cabo tarefas de fumigación con algún produto, puntualmente, e de ser axeitado, se indicase cal sería a substancia óptima para tal fin e aplicala na vía pública, parques, parque empresarial e núcleos rurais e urbanos que se están a ver afectados.
Toba, Insua e Rodríguez remarcan que “pode parecer un problema menor pero moitas veciñas e veciños nos están trasladando a súa inquedanza, algo que consideramos natural, e temos que poder aplicar unha solución”, insistindo na necesidade tanto “de asesoramento como dunhas directrices claras para poder actuar e paliar o problema, non deixalo pasar”.
“Non coñecemos nada sobre este insecto e os danos que pode causar ás plantacións e cultivos das nosas e nosos produtores. O que si que temos claro é que canto máis se dilaten as actuacións, máis se favorecerá á súa proliferación, e non se pode permitir”, finalizan.