28-09-2023
Boas novas tras os traballos no dolmen de Pedra Cuberta: as pinturas están en bo estado
Hoxe finaliza a campaña de excavación no dolmen de Pedra Cuberta coa mellor nova que se podía agardar: as pinturas do interior se atopan en bo estado. Os traballos realizáronse en dúas fases: a primeira, unha sondaxe no exterior da cámara para verificar a existencia ou non de coiraza e o estado do túmulo. A segunda, a escavación dos depósitos máis recentes no interior do corredor e da cámara para acadar o nivel observado por George Leisner en 1933, deixando así á vista todas as pinturas.
Identificáronse un total de 26 depósitos diferentes que contiñan materiais, tanto recentes como prehistóricos, especialmente dúas puntas de frecha, así como hematites, é dicir, óxidos de ferro que empregaron para as pinturas da cámara e do corredor.
A modo de conclusión, pódese dicir que a técnica pictórica é moi boa, pola resistencia observada tras todos os anos de exposición ós fenómenos atmosféricos; que moitas delas se cubriron de liques e algas, ocultándose e agredindo a pintura; que os restos de pintura conservada coinciden en xeral co rexistrado por Leisner; que siguen existindo as cores vermellas e negras, sobre un revoco branco e que se estudarán as diferentes fases de aplicación da pintura para coñecer con máis detalle o seu contexto.
Isto servirá, principalmente, para determinar outros datos técnicos e cronolóxicos, así como saber as mellores condición de conservación de cara o futuro.
No acto de clausura estiveron presentes a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Pazos; a concelleira de Benestar Social, María José Pose e o deputado provincial de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas.
Posteriormente, ás 19:00 horas, a Sala de Vídeo da Casa da Cultura acolleu unha conferencia para que o público asistente á visita guiada das 17:30 horas puidese coñecer a valoración técnica do atopado durante os traballos. Estivo drixida polos arqueólogos Fernando Carreira e Lino Gorgoso.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a presencia de todos e todas as presentes, “por acompañarnos hoxe aquí e por amosar o interés por unha das nosas xoias. Hoxe estamos aquí para contemplar algo único e quero agradecer tanto á Xunta de Galicia, á Universidade de Santiago de Compostela e á Deputación da Coruña pola súa implicación, tamén ó equipo de traballo polas tarefas realizadas, así como a Mariví e Víctor, traballadores municipais”. A rexedora quixo sinalar tamén que unha rapaza do equipo arqueolóxico, Eva, era de Pasarela, a mesma parroquia de Rodríguez. “Coñezo a esta rapaza desde que era pequena e acabo de enterarme que integraba o equipo de escavación, o que é un auténtico orgullo”.
Pola súa banda, o deputado provincial, Xosé Lois Penas, afirmou que “é unha auténtica marabilla ver hoxe aquí nenas e nenos tan pequenos; temos a obriga de crear conciencia non só para poñer en valor todos os tesouros que temos da provincia, que son moitos, senón de conservalos”, afirmou.