Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo fai efectiva a cesión da xestión das escolas municipais de fútbol base ó Soneira S.D., club de fútbol local e que será a partir de agora o que organice de maneira interna o fútbol de canteira da localidade, en todos os rangos de idade.
Chégase ata este punto tras o acordado entre a Administración local e o conxunto vimiancés nunha folla de ruta “que vén marcada desde hai tempo e que está motivada por ambas partes equilibradamente”, sinalan tanto a alcaldesa, Mónica Rodríguez, como o presidente do equipo, José Alfonso Miñones, que apuntan que “este cambio é eminentemente administrativo e non afectará en ningún caso ó devir das futuras xeracións de futbolistas da nosa localidade”.
Esta mañá, goberno local e directiva do Soneira S.D. manifestaron a total sintonía existente e trasladaron que “esta tempada haberá fútbol para todas as categorías e transcorrerá con total normalidade”, admitían no propio campo de fútbol municipal, que será o epicentro da actividade. José Manuel Abelenda, “Josiño”, será o coordinador do programa, unha figura de ampla experiencia no fútbol comarcal e con gran coñecemento dos sectores base deste deporte.
Avanzouse tamén na posible integración do fútbol feminino ó futbol base, algo que tanto desde a Administración local como desde o Soneira S.D. ven “imprescindible” e “moi necesario para que a nosa sociedade siga dando pasos cara a igualdade”.
Neste senso, os vindeiros días convocarase unha reunión coas familias para trasladar toda a información necesaria, así como resolver as dúbidas que poidan xurdir tras este acordo.
A Federación Galega de Fútbol xa está ao tanto e técnicos, calendario de adestramentos, materiais e instalacións adoptan os últimos detalles para que dea comezo a tempada con total naturalidade.
Desde o Concello, queren deixar clara a súa “total aposta e implicación co deporte, en todos os ámbitos e a todos os niveis” e subliñan que “a colaboración con esta e outras entidades do municipio será estreita e continuada”.