Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo xa conta cun servizo de atención psicolóxica grazas á subvención concedida pola Deputación da Coruña a través do programa de financiamento dos servizos comunitarios municipais.
Por un total de 26.000 euros, incorporouse a un profesional titulado neste ámbito, persoal técnico A1, a través dunha bolsa e desenvolverá programas de integración e atención social, con enfoque prioritariamente preventivo. Ademais, o seu desempeño estará enfocado na detección e tratamento de problemas emocionais e condutuais, apoio e orientación a familias e a darlle continuidade ó programa “Actívate”, que se realiza coa veciñanza maior de Vimianzo.
As persoas que o desexen, poderán facer uso deste servizo chamando ao teléfono do Concello e preguntando polo departamento de Servizos Sociais, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
A concelleira de Benestar Social, María José Pose, quixo agradecer “á Deputación da Coruña novamente a implicación cun departamento que para nós é especialmente relevante, os Servizos Sociais, e pola aposta clara do recentemente renovado goberno provincial por este ámbito”, lembrando que “para nós era fundamental contar con esta figura, que será realidade ata final de ano e que, agardamos, poidamos estender ó máximo no tempo, xa que é un servizo prioritario para a cidadanía”.