22-07-2023
O Concello optimizará as instalacións na AC-552 entre as rúas A Pontenova e Codeseiras
O Concello de Vimianzo acometerá as obras de remodelación das instalacións urbanas na AC-552, no transcurso entre as rúas A Pontenova e Codeseiras.
O executivo local plantexa esta intervención para reordenar o tráfico, así como incrementar a calidade dos servizos emprestados para a veciñanza. Por iso, o proxecto contempla a mellora nas redes de saneamento e auga potable, a accesibilidade e o firme da calzada, así como a execución de novos sistemas de iluminación urbana, que contribúan a diminuír a contaminación lumínica; aumentaranse tamén as zonas de aparcadoiros e construirase unha nova rotonda.
Así mesmo, colocaranse tamén novos elementos de sinalización, tanto verticais como horizontais, para mellorar a seguridade viaria neste espazo. O orzamento co que conta esta obra é de 233.776,92 euros e o prazo de presentación de ofertas remata o 7 de agosto de 2023.
O edil de Obras, Urbanismo, Servizo de Iluminación e Parque Móbil, Miguel Ángel Pérez, insiste na “necesidade de mellorar as condicións estruturais de moitos espazos públicos do noso municipio, como así levamos facendo desde hai catro anos. As intervencións na AC-552 responden á demanda dos veciños e coa execución das mesmas daremos un paso máis nas melloras infraestruturais de Vimianzo”, sinala.