Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo deu a coñecer esta mañá todos os detalles da XXVI edición do Asalto ao Castelo, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia polo Consello da Xunta de Galicia. Gastronomía, teatro, espectáculo, deporte e moita música serán os protagonistas deste tradicional e reivindicativo evento que se celebrará do sábado 24 de xuño ao sábado 1 de xullo.
O patio de armas do Castelo foi o lugar elixido para a presentación desta festividade á que acudiron a alcaldesa en funcións, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar Social, María José Pose; o concelleiro de Protección Civil, Policía Local e Deportes, Mario Andújar; o portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial; Marta Gayoso, en representación de AXVALSO; e tamén diferentes hostaleiros.
A primeira intervención foi a cargo de Rial, quen incidiu na “natureza diversa e diversificada das actividades, feitas para maiorías e minorías, e no eixo teatral, musical, gastronómico e mesmo deportivo da festa, sen perder de vista a reivindicación dunha revolta histórica traída ao presente”.
Deseguido, tomou a palabra a rexedora vimiancesa, quen fixo fincapé no traballo realizado por todas as entidades organizadoras xa que sen eles non sería posible “celebrar esta festa tan xenuína, tan nosa e tan galega”. Ademais, Rodríguez non só recalcou a importancia desta festividade no presente na que “tanto veciños e veciñas viven momentos inesquecibles”, senón que tamén puxo sobre a mesa a necesidade de seguir traballando e loitando por un evento “que pasará ás vindeiras xeracións para manter vivo o lume irmandiño”.
A organización ten preparadas diferentes actividades que darán inicio o sábado 24, aínda que os días grandes serán o venres 30 de xuño e o sábado 1 de xullo.
A primeira gran xornada contará coa celebración da máis que coñecida Cea Medieval e para a cal xa non hai entradas. Sen embargo, as portas abriranse a partir de medianoite para gozar de varias horas de concertos de entrada libre no Castelo de Vimianzo: animación co bufón Dani Blanco e malabares Américo, queimada con druída e música con Cé Orquestra Pantasma, De Vacas e Monoulious Dop.
Na segunda e derradeira xornada, que ademais é o día grande do Asalto, non faltará o aclamado e divertido Asaltiño ou a Feira Artesanal, con récord de postos inscritos.
En canto á música, durante a sesión vermú contaremos Javi Sampedro e Suso Quinito: Uma Viagem Musicada pela História da Língua Galega, Terra Morena: Cantar Zeca Afonso e os Cantos de Taberna: Mestura Fol.
Á tarde, Vimianzo vivirá o frenesí musical do Des-concerto de IGMIG, os Gaiteir@s de Buxantes, a Batucada das Curandeiras, Medio Quinhón de Burela, a Batucada Rapacollón´s Big Band Fisterra e DIDGETOMM & Dance Machine.
Pero, sen dúbida, o prato forte chegará pola noite, concretamente a partir das 22:00 horas, coa actuación estelar do grupo Tanxugueiras. As entradas para este concerto están dispoñibles en woutick.es.
Despois do concerto, chegará o momento álxido da festa: o propio Asalto ao Castelo cunha representación teatral que, inspirada no espírito irmandiño e interpretada polo propio público, levará as revoltas aos tempos actuais.
Tomado o castelo, recollerán o testemuño musical os grupos Huntza, Lamatumbá e Festicultores Troupe.
Datas previas
Unha semana antes, o sábado 24 de xuño, dará comezo oficialmente a festa coa celebración da VII Legua Irmandiña e a Ruta á Cruz do Loureiro, prevista para o domingo 25. O prazo para anotarse en ambas as dúas actividades está próximo a finalizar e poderase formalizar a inscrición en www.asaltoaocastelo.gal
Ademais, durante a propia semana do Asalto, o Concello de Vimianzo poñerá en marcha obradoiros medievais destinados ao público infantil e, como novidade, tamén se desenvolverá a Tarde-Noite Infantil Meiga. Esta celebrarase o mércores 28 de xuño co obxectivo de achegar as revoltas irmandiñas ás novas xeracións.
XIV Pinchos Irmandiños
Coma cada ano, un dos pratos fortes desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia serán os Pinchos Irmandiños, que xa van pola súa XIV edición.
De novo, a hostalaría de Vimianzo volve xuntarse para organizar unha das semanas gastronómicas máis importantes e coñecidas da Costa da Morte e que, este ano, se desenvolverá do martes 27 xuño ao sábado 1 de xullo.
Os pinchos poderán consumirse en horario de 12 a 15 horas e de 19 a 23 horas, de xeito xeral. Quen complete a ruta con 10 selos, número tamén dos locais participantes, conseguirá diferentes agasallos e entrará no sorteo dun lote de produtos Estrella Galicia en función do peso da persoa gañadora.
O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o Concello de Vimianzo son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais outros colectivos da vila e comarca fan posible a celebración da festa.