Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A edila de Benestar Social do Concello de Vimianzo, María José Pose, sinala que “somos un dos poucos concellos sen lista de agarda en Servizo de Axuda no Fogar”, afirmación que vén resgardada polos datos económicos dos derradeiros exercicios.
O Servizo de Axuda no Fogar é un dos puntos fortes da xestión municipal respecto o pasado mandato, eido no que o Concello de Vimianzo investiu 162.096,97 euros cun incremento no prezo hora nos formatos de dependencia e libre concorrencia en case 5 euros de diferencia. [1] A estimación do número de horas para emprestar neste servizo tamén se incrementou notablemente. Pasáronse de 13.200 horas en dependencia e 2.900 horas en libre concorrencia no contrato anterior a 25.705,25 horas na primeira e 10.000 horas na segunda, case o dobre en dependencia e máis do triplo na segunda. A Xunta de Galicia tan só realiza aportacións nunha parte do eido da dependencia, tendo que facerse cargo o Concello e a Deputación da Coruña da parte restante e tamén da libre concorrencia.
“A aportación municipal, unida á dos propios usuarios e á da Deputación de A Coruña é superior á da Xunta de Galicia, cun 42%, que realmente é a entidade que ten competencia nesta materia”, sinala.
Por outra banda, en servizos básicos como a Vivenda Comunitaria, Escola Infantil, comedor sobre rodas e lavandería sobre rodas do exercicio 2022, o último que se pechou, supuxeron un incremento respecto ao exercicio de 2018 de 122.605,8 euros, o que supón un investimento anual de case medio millón de euros, 494.834,13 euros.
No caso da Escola Infantil, cos datos na man, o Concello de Vimianzo fíxose cargo do 80% dos gastos, respecto ao 5% das persoas usuarias e tan só un 15% da Xunta de Galicia, algo que “consideramos insuficiente sobre todo nun tema de tanta sensibilidade como é a educación e o coidado nestas idades”, salientan desde o goberno local.
Pose tamén destaca a diminución das axudas da Xunta para o mantemento da Escola Infantil, chegando ata os 39.165,91 € no 2021 e baixando ata os 28.000 euros no 2022, ano no que se puxo en marcha a gratuidade polo segundo fillo así como a bonificación ás familias. Unha achega que volveu a diminuír este ano ata os 17.818,18 €, a menor cifra desde o 2018.
Ademais, no relativo á gratuidade da Escola Infantil, a edila de Benestar sinala que o prezo por cada praza na de Vimianzo é de arredor dos 500 euros, aportando a entidade autonómica ata uns 169 euros, que é a cantidade máxima que pode pagar unha familia. Sen embargo, os custos desta atención educativa tamén repercuten nas arcas municipais xa que os descontos que aplicados a cada familia en función da renda son aportados polo Concello.
“O que queremos amosar con estes datos non só é a defensa a ultranza que facemos dos nosos Servizos Sociais, tamén nos gustaría mandar unha mensaxe do prioritario deste tema, da sensibilidade que hai que ter e que non se pode xogar cos datos simplemente por achegarse uns comicios municipais. Requerimos e requeriremos máis axuda á Xunta de Galicia, porque cremos que é a súa competencia e, polo tanto, seu deber, e queremos agradecer á Deputación da Coruña a súa asistencia sempre neste ámbito”, finalizou Pose, quen recalca que “non existe lista de agarda agora mesmo no Servizo de Axuda no Fogar de Vimianzo, e iso é grazas a un equipo de xestión absolutamente competente, así como á área de Servizos Económicos e á vontade política que existe, parece, só por parte dalgunhas Administracións”, sentenciou.
[1] No contrato anterior, o prezo/hora pagábase a 14,56 euros en dependencia e a 15,40 en libre concorrencia. Agora estes guarismos xa están nos 18,46 euros para dependencia e 19,53 de libre concorrencia.