Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, achegouse este xoves ata a localidade portuguesa de Melgaço para participar no II Encontro Transfronteiriço de Presidentes de Cámara e Alcaldes da Vía Mariana. Durante o evento asinouse un acordo de colaboración para promocionar e divulgar a Vía Mariana, o itinerario que une os antigos santuarios de devoción mariana que ten o seu inicio en Braga e o seu fin na vila de Muxía.
Esta ruta cultural e espiritual pretende recuperar antigos camiños históricos polos territorios do interior de Galicia e norte de Portugal. Na localidade vimiancesa, o tramo da Vía Mariana comprende desde o Orbellido a Berdoias, case 14 quilómetros nos que se pode visitar a Igrexa de Santo Antoiño de Baiñas así como o Dolmen da Casota de Freans (Berdoias), datado entre o 2.500 e o 2.000 a.C.
Ao acto acudiron os presidentes das Cámaras municipais, alcaldes e alcaldesas, autoridades, representantes de institucións presentes así como a Asociación Vía Mariana Luso Galaica.
Entre os acordos adoptados figuran tamén o compromiso de traballar para incluír este itinerario na lista de camiños Culturais Europeos do Consello de Europa; velar polo patrimonio material e natural vinculado ao itinerario; favorecer a acollida de peregrinos en tránsito e colaborar, na medida do posible, por unha sinalización da ruta óptima para o tránsito libre e seguro de persoas.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca a importancia do documento asinado este xoves “xa que significa un novo compromiso por seguir promocionando, visibilizando e coidando o noso patrimonio, a nosa cultura”. “A Vía Mariana é un itinerario natural e cultural que pon a Vimianzo no punto de mira turístico, o que sen dúbida repercutirá en beneficio de todos e todas”.