Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Cun orzamento que ascendeu a 2,3 millóns de euros, esta actuación é unha das de maior investimento levadas a cabo nesta lexislatura. Desde o IDAE aportouse o 80% do presuposto, achegando o Concello o 20% restante, para acadar un aforro de case un 50 % para as arcas municipais, toda a vez que se mellora a estética e a seguridade tanto dos peóns como dos condutores e condutoras.
Ademais, este é un dos proxectos con máis responsabilidade medioambiental posto que as luminarias empregan o 95 % da enerxía da luz desperdiciando tan só un 5 % en calor, o que as fai máis duradeiras.
Renovación de máis de 4.500 puntos de luz
A renovación de máis de 4.500 puntos luminosos de tecnoloxía LED levouse a cabo nos 133 lugares do municipio. Cabe destacar a instalación de modernos báculos que se iluminan de xeito ininterrompido e intermitente, independentemente de se cruza ou non unha persoa.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, lembra o “bo ritmo de tempos co que se avanzou durante todas as intervencións”, incidindo no “aumento da visibilidade nas estradas e rúas así como a notable mellora da seguridade viaria”.
Pola súa banda, a rexedora, Mónica Rodríguez, fai fincapé en que “esta ambiciosa actuación era moi necesaria porque significaba un paso adiante non só na prestación de servizos ao pobo, senón tamén na posta sobre a mesa da necesidade de traballar pola seguridade viaria de toda a veciñanza, sobre todo daquelas persoas de máis idade ou con algún problema de mobilidade”.