Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A cuarta edición do obradoiro dual de emprego “Camiño ao Emprego 2022” posto en marcha polos Concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas o pasado mes de outubro continúa co seu plan de proxectos de revestimento e restauración.
Nesta ocasión, un total de 20 alumnos e alumnas desenvolven o seu labor de xeito simultáneo nos tres concellos, sendo Vimianzo promotor, dentro das especialidades de ‘Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción’ e ‘Montaxe de mobles e elementos e carpintería’.
Os tres primeiros meses concentraron a parte teórica dos correspondentes certificados de profesionalidade xunto coa formación obrigatoria en prevención de riscos laborais.
No municipio soneirán, durante o mes de xaneiro, o alumnado de ‘Operación auxiliares de revestimentos continuos en construción acondicionou o local social de Carnés retirando mobiliario, reparando as gretas e saneando as superficies afectadas por humidade e óxido. Tamén pintou a parte de abaixo, tanto a interior como a exterior.
Na actualidade, tamén se está acondicionando o local situado ao lado do ximnasio e campo de fútbol de Vimianzo, revestindo, pintando e alicatando un espazo para o uso público. Ao remate desta obra está previsto que inicien labores de reparación e pintado na escola de Xaviña, en Camariñas.
A especialidade de ‘Montaxe de mobles e elementos e carpintería’ atópase na escola de Señoráns (Vimianzo), que funciona como sede, aulas e taller para as prácticas. Entre as actuacións executadas atópase a división con tres portas da parte que dá acceso á planta alta (onde se sitúa outra das aulas e oficinas) para evitar os ruídos, a perda de calor e que se propaguen as substancias en suspensión por cortar material, lixados ou a aplicación de pinturas e/ou vernices. Tamén se procedeu á restauración do mobiliario de madeira exterior como son os bancos, varandas, papeleiras e os elementos do parque infantil incluso coa fabricación dun novo bambán.
Ademais, no taller prepararon un bancal de madeira para Camariñas e están a montar uns mobles para os edificios públicos do Concello de Vimianzo. En breve empezarán coas actuacións no parque infantil de Viseo (Muxía).
A subvención para realizar o obradoiro concedéuselle ao Concello de Vimianzo por valor de 503. 987 euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego.
Esta cuarta edición é un fito histórico porque, ata o pasado ano, ningún municipio fora quen de acoller catro obradoiros deste tipo.
A rexedora do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradece o esforzo e dedicación de todas as persoas participantes neste obradoiro conxunto porque “todas as actividades que realizan son unha aprendizaxe para elas pero tamén un beneficio para toda a veciñanza de Vimianzo, Camariñas e Muxía”. Ademais, Rodríguez destacou a calidade dos traballos xa realizados nestes meses confiando en que “os proxectos futuros tamén mostrarán un resultado excelente”.