18-05-2012
A escola infantil de teatro de Vimianzo e Carantoña enche o auditorio da Casa da Cultura
Os actores e actrices máis novos de Vimianzo e Carantoña conseguiron encher no Día das letras o auditorio da Casa da Cultura para asistir á posta en escena de dúas pezas teatrais que arrincaron en numerosas ocasión o riso dos presentes.
Os encargados de inaugurar a tarde foron os actores e actrices de Carantoña: Lidia Miñones, José Manuel Agustín, Almudena Miñones, Tamara Suárez, Alejandro Roel, Sara Peña, José Ventura Roel, Elías Alborés, José Antonio Suárez e Ricardo Castiñeira, os que puxeron en escena Unha casa nada deshabitada, onde unhas pantasmas que habitaban unha casa supostamente abandonada viron como a súa morada se enchía de xente a causa dun roubo: xornalistas, policía secreta, cazafantasmas,... ata que conseguen desfacerse deles cunha divertida estratexia.
A continuación foi a quenda dos actores e actrices da Escola de Teatro de Vimianzo escola, Ana Ordóñez, Alba Lema, Mariña Miñones, Paula Andújar, Alberto Andújar, Leni Martínez, Laura Roget, Irza Sampedro e Alonso de Vicente, que representaron A gata con botas, unha versión moi divertida do conto popular. Unha narradora vai dándolle indicacións aos actores e actrices que representan diferentes personaxes creando situacións moi cómicas.
Unha tarde entre risas e aplausos conseguidos pola canteira de actores e actrices máis novos do concello, unha canteira que promete moitos éxitos teatrais.