Concello de Vimianzo
27 de novembro de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

31-01-2023

A alcaldesa responde en rolda de prensa as recentes informacións achegadas polo candidato do BNG


A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, aclarou este martes en rolda de prensa as informacións achegadas polo novo candidato do BNG de Vimianzo á alcaldía, Benjamín Queiro.

Nunha exposición por bloques, a rexedora expuxo, apoiada da documentación pertinente, a realidade das situacións referidas polo candidato nacionalista, sobre temas relativos á subvención da Deputación para reformar a contorna do Castelo, a adquisición dos terreos en Carantoña para a creación dunha nova praza pública, a compra de terreos adxacentes a dolmens no termo municipal e a revisión catastral, que afecta a centos de veciños e veciñas.


En primeiro termo, a alcaldesa quixo comezar a súa exposición referíndose a unha ‘teórica’ subvención rexeitada pola Administración local. O certo é que non existe tal subvención, sí que hai constancia de que se elaborase unha memoria e un proxecto básico por valor de 253.958,99 euros, e que, por certo, conta cun informe desfavorable de Patrimonio da Xunta de Galicia. Tamén, a Asistencia técnica da Deputación da Coruña remite de volta a documentación por estar incompleta. “O que observamos neste sentido é un total descoñecemento da tramitación administrativa e dos procedementos dos organismos públicos”, afeaba a alcaldesa ante as informacións publicadas recentemente polo BNG de Vimianzo.


Hai que ter a dispoñibilidade de titularidade dos terreos, autorizacións sectoriais e a aprobación dunha reserva de crédito dos orzamentos municipais. O goberno anterior non dispoñía de nada disto.


“Hai datos sobradamente contrastados para poder demostrar que non se rexeitou en ningún momento ningunha subvención, simple e claramente porque o expediente nunca existiu. Naceu como un documento básico que aí deixaron no caixón cun informe desfavorable”, aclarou a alcaldesa.


Nun segundo bloque dentro da súa intervención, a alcaldesa referiuse á suposta compra duns terreos en Carantoña para construír, preto da igrexa, unha praza pública. Mónica Rodríguez fixo fincapé na necesidade de “seguir traballando por e para a veciñanza e non ocupar un valiosísimo tempo en ter que desmentir afirmacións que xorden do total descoñecemento dos procedementos administrativos dunha entidade pública”.


En xullo de 2019 o goberno entrante atopouse cunha reserva de crédito 22.200 euros, realizada polo anterior executivo e insuficiente para adquirir a totalidade dos terreos, sequera o 50% dos mesmos. Tras o estudo técnico realizado polo novo executivo quedou demostrado que esta reserva non valía nin para adquirir o cincuenta por cento dos terreos necesarios para unha parcela que chegará aos 10.000 metros cadrados repartidos en 25 fincas.


Na actualidade o Concello dispón de 22, faltan 3 adquisicións para que a futura praza de Carantoña sexa unha realidade.


En canto ao terceiro bloque dos catros nos que estivo dividida a rolda de prensa, Mónica Rodríguez quíxose referir á teórica negativa do Concello para adquirir terreos e que 8 dolmens que se atopan en territorio municipal pasen a ser de titularidade municipal. Dicimos teórico porque en ningún momento esa compra pode ser competencia do Concello de Vimianzo. Neste caso, isto correspóndelle á Deputación da Coruña, en concreto.
A alcaldesa lembroulle. Benjamín Queiro, quen “agora semella portavoz xa non do BNG nin de Adiante Vimianzo, senón do alcalde saínte” que o parque do megalitismo nace do seo da Deputación.


A rexedora fixo lectura da acta do Consello inter municipal, con data do 29 de novembro de 2021.


Neste punto, quixo agradecerlle ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; ao vicepresidente do órgano provincial, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, o seu traballo ao longo destes tres anos e medio e que sempre estiveran “coa man tendida” para traballar e dar facilidades no tema de preservación e posta en valor dos bens tanto do noso territorio como de toda a provincia.


Rodríguez fixo fincapé en que “se van a respectar, en todo caso, os cauces administrativos que leve a cabo de Deputación, xa que confiamos plenamente na súa xestión neste e noutros tantos sentidos”.


O último punto tratado foi o concerninte á situación da actualización catastral na localidade vimiancesa, contexto que tamén afecta a outros sete municipios da provincia.


A rexedora explicou, de maneira sintetizada, como foi o procedemento e como, en todo caso, a vontade sempre foi defender e protexer os intereses da veciñanza.


O Concello de Vimianzo non foi notificado deste proceso. A rexedora amosou que existen sendos informes de intervención e do Rexistro Municipal no que se constata que o Concello nin ten potestade para actuar nin que recibira comunicación algunha neste sentido por parte da Xerencia Territorial do Catastro.


Este grupo de goberno “moi preocupado, en febreiro do 2021, solicitou o acceso ao expediente, tras ser avisados pola veciñanza de que estaban recibindo esas notificacións nos seus domicilios, pero xamais existiu comunicación algunha á Administración local”.


En febreiro do 2022, desde o goberno local solicitouse coñecer quen instara o expediente e, na mesma data, comunicóuselle que se iniciara de oficio. O 21 de febreiro de 2022 a Administración local formalizou un contrato menor para poder contar cos servizos de asesoramento dunha consultora e poder así acoller as miles de consultas que chegaban dos veciños e veciñas afectados na Casa da Cultura desde o día 22 deste mes. Máis de 5.000 solicitudes dun procedemento do que o Concello non fora notificado.


No primeiro Pleno realizado en febreiro do 2022, o goberno local levou un acordo para solicitar a Catastro a suspensión ou ampliación dos prazos para recurrir este proceso. Un acordo que foi aprobado por unanimidade.


O 7 de marzo o Catastro di que esa suspensión é legalmente imposible, quedando desamparado desta maneira o Concello. Si que amplía o prazo de recurso, debido ó número de expedientes abertos. “Vimianzo, 133 núcleos e 14 parroquias, significa moitos terreos e moitos expedientes abertos”, incidía Rodríguez. “Eles escoitaron a nosa petición e ampliaron o prazo, aínda sendo insuficiente, xa que a día de hoxe moitos deses recursos non teñen resposta”.


Por isto, onte, 30 de xaneiro de 2023, á vista de que están chegando as liquidacións e os recibos, de que algún recurso aínda non tiña resposta, solicitouse en Pleno novamente a suspensión do procedemento, expoñendo os antecedentes do que se leva vivido desde febreiro de 2022. Contou co apoio unánime dos membros da corporación presentes na sesión. “Quero agradecer non só os sentidos de voto tanto do Partido Popular como de Adiante Vimianzo, senón a vontade e o posicionamento, do lado da veciñanza, deixando a un lado as confrontacións que nun pasado recente caracterizaron a esta institución”, dixo a alcaldesa, referíndose á “irresponsabilidade” do novo candidato do BNG vertendo informacións falsas, e volveuse a amosar “disposta a facilitar toda a información que se necesite en aras dunha convivencia positiva e de non terxiversar xamais a realidade, sobre todo en contextos especialmente sensibles como é o do procedemento catastral”, apuntaba.


“Nós buscamos un Vimianzo mellor. Levabamos un tempo, desde a despedida do meu antecesor, pacífico, e por iso quero agradecer ás concelleiras e concelleiros que forman parte da corporación, o seu traballo e o seu pensar en Vimianzo e por Vimianzo, máis aló da confrontación e da crispación, que agora parece voltar”.


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, rematou a súa intervención lembrando que “non existe ningún artigo da Lei que diga que neste procedemento simplificado de valores colectivo a revisión se faga cada 10 anos, non existe; e quero que quede claro que o Concello nunca foi notificado dese anuncio de xaneiro do 2020, do 2021 e do 2022; si foi enterado en xaneiro de 2022, pero por parte da propia veciñanza”.


“Non imos a permitir que ninguén engane ás veciñas e veciños de Vimianzo; nós tampouco o imos a facer. Hoxe estamos aquí para defender a nosa xestión, pero sobre todo, para que a verdade sexa o que impere e que falen os feitos”. “Si se están vertendo falsas informacións de maneira teledirixida por parte dun ex político frustrado, creo que o pobo xa amosou o que quería. Non queren expropiacións, queren diálogo e as portas abertas e niso imos seguir”, subliñando que “non estamos dispostos a volver ao Vimianzo crítico de procedementos xudiciais. Queda claro que Adiante nada, que son o Antelismo máis rancio que non buscan o progreso de Vimianzo, buscan a derrota de Mónica Rodríguez, e ante isto só queda traballo, traballo e traballo. Agradezo ás traballadoras e traballadores municipais o seu esforzo, ao longo destes tres anos e medio en procedementos tan complexos como os que hoxe comentei aquí nesta rolda de prensa; aos meus compañeiros e compañeiras de goberno e tamén ao resto de membros da corporación, polos ánimos construtivos e nunca destrutivos e á veciñanza, que busca informarse polas canles legais e instuticionais, lonxe de publicacións baleiras nas páxinas de Facebook non oficiais. Co diálogo como protagonista, non queremos retroceder, queremos presumir, sexa onde sexa, dun Vimianzo aínda mellor”.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
8
9
10
11
12
13
14
15
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X