Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo presenta unha programación de Entroido para todos os públicos onde destaca o seu recoñecido concurso de disfraces, no que se repartirán case 3.000 euros en premios.
O venres 17, de 17:00 a 20:00 horas, a praza do Concello contará con inchábeis e flocos de millo para, á última hora, bailar ao ritmo de DJ Rokiño.
O sábado 18 será o día grande co concurso de disfraces a partir das 17:00 horas. Terá lugar na praza do Concello onde, de 20:00 a 22:00 horas aproximadamente, haberá actuacións musicais a cargo do Dream Team formado polos artistas Tamara Fernández, Ana Paz e César Romero (integrantes da orquestra Cinema), Tania Veiras e Édgar Bao (La Voz Kids). Ademais, ás 21:30 horas o vimiancés DJ Rokiño presentará o seu segundo tema.
Premios e inscricións
Este ano no Entroido de Vimianzo repartiranse 2.870 euros en premios que se dividirán da seguinte forma segundo se acade o primeiro, segundo e terceiro postos: as comparsas optarán a 1.000, 500 e 200 euros; os grupos poderán gañar 300, 200 e 100 euros e a xente que participe por parellas recibirá premios por valor de 100, 75 e 50 euros. No apartado individual haberá dúas categorías e, de novo, tres premios: na modalidade infantil repartiranse 60, 40 e 20 euros mentres que os adultos optarán a 100, 75 e 50 euros.
As bases do concurso poden consultarse na páxina web municipal (vimianzo.gal) e as inscricións deben formalizarse na Casa da Cultura antes do 16 de febreiro, inclusive.
Desde o Concello agardan unha gran acollida xa que “o Entroido de Vimianzo e o seu concurso teñen moita historia na Costa da Morte e de seguro que este ano repetiremos éxito de participación e de diversión”.