Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo aterrará en FITUR, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid do 18 ao 22 de xaneiro, con todo o seu potencial patrimonial, turístico e cultural para continuar a súa consolidación como un dos puntos de referencia da Costa da Morte.
O xoves, ás 18:30 horas, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, presentará no stand de TURESPAÑA unha peza audiovisual con enclaves únicos situados ao longo do municipio.
Seguindo a liña temporal e a pegada do ser humano nos diferentes elementos naturais e arquitectónicos como fío condutor, no vídeo o público poderá divisar lugares especialmente significativos para a veciñanza de Vimianzo e da comarca da Costa da Morte como son os Penedos de Pasarela e Traba; os cabalos salvaxes que dan vida ao Monte Faro; o dolmen da Pedra da Arca, enmarcado nas pegadas do megalitismo na bisbarra; o castro das Barreiras; os Batáns do Mosquetín; o cruceiro de Cheis, sobre o que ademais se está levando a cabo unha investigación para saber se é o máis antigo de Galicia; o Castelo, cuxa festa foi declarada o pasado ano como de Interese Turístico de Galicia; a tradicional Fagía de Carnés e o lugar de Cereixo, coa súa igrexa e a importancia da Translatio para, finalmente, volver aos Penedos durante o solpor, despedindo unha xornada entre a esencia da Costa da Morte: terra, mar e historia.
Desde o Concello móstranse seguros de “todo o conxunto que define a localidade de Vimianzo e que mostraremos en FITUR porque temos moito potencial e só nos queda seguir traballando para darlle visibilidade”. Ademais, o goberno local asegura que “unha das principais liñas de acción deste equipo é traballar para dar a coñecer todos os nosos recunchos, as posibilidades e potencialidades que ten o noso territorio para ser, e continuar a ser, unha das referencias na Costa da Morte”.
Recalca, por outra banda, que todo isto non sería posible “sen o traballo de tantísimas persoas que están detrás: colectivos, asociacións, veciños como Damián Álvarez ou técnicos municipais, entre outros”. O xoves en Madrid todo o esforzo verá a luz en forma dunha pequena peza audiovisual cuxas imaxes, ademais, van acompañadas dunha banda sonora moi especial “da que moi pronto poderedes coñecer máis detalles”, conclúen desde o Concello.