Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo xa ten todo preparado para darlle a benvida ás Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente, este xoves 5 de xaneiro.
Como en anos anteriores, a cabalgata volverá pasar polas parroquias do municipio soneirán para que “ninguén quede sen a oportunidade de vela”, destaca a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.
Se ben os horarios son estimados, a continuación detallamos os lugares que visitarán as Súas Maxestades desde as 10:00 horas cun período de tempo de 30 minutos entre cada parada: residencia de maiores DomusVi (10:00 horas), salón parroquial de Salto, a escola de Bamiro, a escola de Tines, o campo da festa de Treos, a praza de Serramo, a praza do Outeiro de Baíñas, a igrexa de Castrelo e a de Berdoias, a praza de Carnés, a praza da igrexa de Cereixo, a escola de Carantoña e a de Pasarela (Calo) e a igrexa de Cambeda. Estímase que a cabalgata chegue ao núcleo de Vimianzo sobre as 19:00 horas cunha parada na vivenda comunitaria e un posterior percorrido pola vila.
A recepción real está programada para ás 20:00 horas na praza do Concello, a cal acollerá unha festa infantil de 17:30 a 19:30 horas.
Desde o Concello agardan que tanto maiores como pequenos desfruten un percorrido cargado “de maxia e ilusión, elementos que nunca debemos perder independentemente da idade que teñamos”.