Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo licita os traballos de mellora do acceso ao lugar de O Sisto, na parroquia de Baíñas, con cargo ao POS+ 2021 da Deputación da Coruña e co obxectivo de mellorar a seguridade viaria tanto dos viandantes como dos vehículos.
O orzamento total ascende a 162.990 euros e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro luns, 9 de xaneiro de 2023. O prazo de execución das obras é de seis meses.
A área de actuación do proxecto concéntrase na vía que une o núcleo urbano de Baíñas con Bamiro e Baio ao presentar o firme algunhas descontinuidades.
Neste proxecto de mellora contémplase o ancheamento da estrada para dotala con dous carrís de circulación flanqueados, polo norte, por una senda peonil de 1,3 metros de ancho e, polo sur, por unha área de aparcamento de vehículos en liña. Tanto a zona de aparcadoiro como a propia calzada terán un pavimento de aglomerado asfáltico, mentres que a senda irá en formigón armado.
A verea peonil estará separada por unha gabia de formigón que servirá para recoller e canalizar a auga da chuvia ou da escorrentía. Tamén se proxecta o soterramento das instalacións existentes, e das que se prevén nun futuro próximo, como as liñas eléctricas, o alumeado público, o de telefonía e internet e tamén de saneamento de augas negras e pluviais (rede separativa).
O tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, destaca que “estas obras son necesarias xa que se trata dunha zona que soporta un tráfico continuo de vehículos de transporte de mercadorías polo que, ademais de renovar o firme, tamén melloramos a seguridade das persoas que transitan a vía a pé ao proporcionarlles áreas de maior seguridade como a senda”.