Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo presentou esta tarde a XIV edición do Duatlón de Reis que se celebrará o vindeiro 8 de xaneiro e que será Campionato Galego de Duatlón Cross, ademais de ser a primeira proba puntuable para o Circuíto Galego 2023.
O evento deuse a coñecer no Salón de Plenos da Casa Consitorial, onde se deron cita a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Mario Andújar; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Javier Campos Peña; a actual campioa do Circuíto Galego e do Duatlón de Reis, Mar Delgado e o actual campión galego, Gabriel Castiñeira.
Durante a presentación destacouse que este XIV Duatlón de Reis será Campionato Galego, polo que as persoas gañadoras serán proclamadas campión e campioa galegos.
Contará con probas de distancia estándar e distancia supersprint. A saída para ambas terá lugar na praza Neira Marcos en Castromil, na parroquia de Salto, pero con distinto horario: a da supersprint será ás 9:30 horas e a do Campionato Galego ás 11:00 horas. As inscricións poderán formalizarse en fegatri.org.
Ademais da probas do Campionato Galego celebrarase a do Circuíto Mozo para categorías cadete, xuvenil e júnior na distancia supersprint, sendo tamén unha proba popular na que poderán participar deportistas federados e non federados-.
Habilitarase o servizo de duchas e lavado de bicicletas na zona de meta para as e os deportistas. Tamén se habilitará o servizo de gardarroupa que estará situado no local de recollida de dorsais. Xunto coa bolsa de dorsais entregarase a cada deportista unha bolsa onde poderá depositar as súas pertenzas.
O concelleiro de Deportes, Mario Andújar, sinalou que “agardamos contar nesta nova edición do noso Duatlón de Reis cunha alta participación, como así se vén rubricando nos derradeiros anos, e agardamos que sexa vistosa e que os nosos competidores e competidoras poidan desfrutar dun percorrido marabilloso polo noso municipio”.