07-12-2022
O Concello creará unha rede pública de saneamento para dar servizo ás vivendas do núcleo de Quintáns, en Treos
O Concello de Vimianzo executará a rede pública de saneamento no núcleo de Quintáns de Treos para dar servizo a practicamente todas as vivendas que compoñen o núcleo.
Contará cun orzamento de 194.035,31 euros con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña e suporá unha solución integral a unha demanda veciñal que non contaba con este servizo na actualidade.
Porén, e debido á topografía do lugar, prevese a instalación dunha estación de depuración, posto que é posible canalizar as augas cara un solo punto de tratamento e vertido, o final do percorrido. A rede proxectada trátase dun sistema unitario exclusivamente a augas negras residuais (augas fecais) e evacuará por gravidade cara a estación depuradora incluída no proxecto, é dicir, sen necesidade de bombeos. Esta cubrirá as necesidades nunha segunda fase en Treos, para a que xa hai proxecto.
O colector discorre por camiños municipais evacuando por gravidade na estación depuradora que se proxecta, preto do rego de Treos. O sistema de depuración do que estamos a falar para este punto está formado por unha arqueta e un compacto foxa-filtro biolóxico, prevista para 200 usuarios cunha capacidade total de 48.800 litros e dimensións de 2,9 metros de diámetro e 7,6 metros de lonxitude, para a depuración de augas residuais domésticas previa á súa evacuación.
Para a ubicación da depuradora prevista no proxecto respectarase en todo caso a franxade servidume de 5 metros de ancho, medidos a partir do bordo de máxima crecida ordinaria do cauce do rego.
As actuacións que se contemplan no proxecto pretenden resolver o problema de carácter medioambiental derivado da inexistencia da rede pública de saneamento no núcleo rural. O obxectivo da infraestrutura municipal de saneamento é a evacuación, transporte, recollida, concentración e depuración dos vertidos de augas residuais que se xeran no núcleo de poboación referido á eliminación de pozos e foxas sépticas que actualmente recollen ditas augas nas parcelas privadas.
Trátase dunha actuación dirixida á protección do medio ambiente e prevención da contaminación, xa que se elimina o impacto de augas residuais no núcleo sobre o solo, subsolo e augas superficiais ou subterráneas.
O edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, constata a “relevancia desta intervención, que supón un avance de gran calado á hora de que a veciñanza de Treos conte cun servizo de primeira necesidade”.
Desde o Concello queren agradecer “á veciñanza que fixo posible que esta intervención sexa unha realidade, coa contribución das respectivas cesións de terreos, sin as que non podería ver a luz”.