29-11-2022
O Concello lanza o seu programa ‘Concilia no Nadal’ para a rapazada de 5 a 14 anos
O Concello de Vimianzo lanza o seu programa ‘Concilia no Nadal’, novamente no marco de A vila do mañá, destinado para a rapazada de 5 a 14 anos. Trátase dunha aposta lúdico educativa que se desenvolverá do 26 ao 30 de decembro. É totalmente de balde.
A actividade contará cun total de 40 prazas e as inscricións poderán facerse na Casa da Cultura ata o 16 de decembro, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Ten como obxectivo avaliar e recuperar a identidade dos seus pobos e cidades.
Nos últimos anos, esta iniciativa desenvolveuse en distintas localidades galegas chegando mesmo ata San Paulo, no Brasil. O reto principal deste proxecto é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura.
Deste xeito, a rapazada poderá desfrutar de actividades gratuítas relacionadas ca arte e a arquitectura nas rúas e espazos públicos de Vimianzo a través de seis conceptos: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade, a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña o plano e o elemento natural e tridimensional.
Desde o goberno local agardan que os nenos e nenas se sumen a unha proposta “dinámica, especial e moi importante para toda a veciñanza, posto de aquí poden saír as bases de moitos proxectos futuros que tan só traerían beneficios ao municipio”.