Concello de Vimianzo
27 de novembro de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

21-09-2022

Vimianzo prepárase para dous días de Muiñada

A sétima edición da Muiñada de Vimianzo alongarase durante todo o fin de semana do sábado 8 e domingo 9 de outubro. Trala exitosa celebración do ano anterior, na que se retomaba a actividade nun formato diferente, a organización decidiu apostar por darlle continuidade, recuperando as actividades que se viñan facendo antes da pandemia e ampliando a festa ao domingo.

Un sábado sen descanso

Continuando co formato do ano pasado, a festa incluirá tres grandes citas ao longo da xornada para as que se requirirá o pagamento da entrada: a Ruta teatral e os concertos da Sesión Vermú e do Serán e Noite no Muíño da Agra.

A primeira trátase da Ruta teatral polos muíños de Cambeda. Un percorrido duns 4 quilómetros pola magnífica paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. As saídas realizaranse por tempos en grupos reducidos.

Á hora da sesión vermú a festa móvese ao muíño da Gándara, onde poderase gozar dun dos pratos fortes do día, a actuación de Xisco Feijóo, en formato dúo acompañado de Xan Pérez. Despois de xantar ábrese unha tarde de xogos, visita guiada, concurso de debullado, artesanía e foliada cativa. O Muíño da Agra estará animado durante toda a tarde coas diferentes actividades que desembocarán nun serán musical.

A partir das 19h, dará comezo o concerto de Pan sen fron, tralo que se recuperará a esperada foliada con grupos da comarca e a cea tradicional, con opción vegana. A partir de aí, noite de concertos con Xurxo Fernandes, Budiño e Os do Fondo da Barra. Tanto a foliada como a cea serán de entrada libre, mentres que para os concertos é necesario comprar entrada en www.enterticket.es.


Ruta, carreira e sesión vermú para o domingo

O domingo a actividade centrarase pola mañá coa realización da ruta “A pegada celta, de Sanfins a Ogas” con David Roget. A partir das 10h30... Unha alternativa á esta actividade será a carreira popular da “Milla do millo”... Muíño das Pasantes.
O punto final da festa marcarao a sesión vermú da vimiancesa Tania Caamaño e Andrés Boutureira
no Muíño da Agra.

Entradas xa á venda

Desde este mércores 21, a partir das 12h, irán saíndo á venda os diferentes bonos por fases. Para o control de acceso e o apoio ao festival será preciso adquirir entradas nas actividades que se especifican do sábado. Estas iranse poñendo á venda de forma online en www.enterticket.es en diferentes fases.

• Bono musical + Ruta. (21/09 – 28/09)
• Bono musical. (21/09 – 28/09)
• Serán+Noite no Muíño da Agra. (29/09 – 07/10)

Xa está en marcha a primeira fase, a venda do bono musical para todos os concertos, coa opción de facer a Ruta teatral polos muíños de Cambeda.


Colaboración

Por outra banda, até o venres 30 de setembro, estará aberto o prazo para todo aquel que queira realizar un micro-obradoiro ou demostración na festa ou participar como artesán, sempre que teña que ver coa tradición e co espírito da Muiñada. Para facelo debe poñerse en contacto a través de facebook (@accherinkas) ou instagram (@muinhada.vimianzo). 

A festa está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas, coa colaboración do Concello de Vimianzo e da Deputación da Coruña, e coa axuda doutros colectivos como a AC Trubisquiña para a foliada ou o clube de atletismo Terra de Soneira para a carreira. Ademais, a organización agradece inmensamente o apoio e axuda da veciñanza na realización desta festa.

CONCERTOS DO SÁBADO 08 DE OUTUBRO (con entrada)
SESIÓN VERMÚ NO MUÍÑO DA GÁNDARA
XISCO FEIJÓO

Cantante, músico e bailador, Xisco Feijóo forxou gran experiencia con artistas como Pepe Vaamonde Grupo, O Fiadeiro, Budiño ou Son de Seu, así como no baile con, entre outros, Nova Galega de Danza. Poderemos gozar do seu espectáculo en formato dúo, acompañado por Xan Pérez.

SERÁN NO MUÍÑO DA AGRA
PAN SEN FRON

Pandeireteiras sen Fronteiros é un grupo de música tradicional nado na Coruña, feita con voz e percusións. Desde a investigación e o traballo de campo, recollen cantares e melodías, achegándoas ao mesmo tempo às tradicións doutros pobos e culturas. Este grupo ten un carácter e personalidade singulares, que fan de cada actuación un evento diferente.


XURXO FERNANDES

Xurxo Fernandes é unha figura de referencia no panorama das músicas de raíz de Galicia, a nivel etnográfico e artístico, que na actualidade continúa co seu labor de investigación e divulgación. Isto fai que sexa capaz de innovar no eido da música tradicional a través das súas propostas artísticas coma nos nomeados proxectos; Radios Cos, Pandeireteiras Sen Fronteiros, Jako el Muzikante e agora na súa última proposta en solitario na que aúna as súas dúas facianas máis representativas, a galega e a oriental: Levaino! (2021).


BUDIÑO
Aínda que coñecemos a faceta de Xosé Manuel Budiño como recoñecido gaiteiro, desde 2019 iniciou unha nova etapa con Fulgor, na que inclúe letras de Xoel López, Vega e Antía Otero, cantadas coa súa propia voz e con grandes colaboracións musicais. Agora, acaba de sacar “Muiñeira da Lúa” un tema co que anuncia novo disco.

OS DO FONDO DA BARRA

Formado polo grupo de cantareiros nacido na recoñecida asociación cultural Xacarandaina, dende 1993 divulgan o canto e a música tradicional galega. Desde aquela non deixan de tocar en festivais e foliadas, sendo un dos grupos máis aclamados por festeiros e bailadores. Instrumentos e voces, con clásicos que farán bailar a todo o terreiro até que remate a festa.
Entradas á venda en www.enterticket.es




Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
8
9
10
11
12
13
14
15
18
19
20
21
22
23
24
25
26
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X