13-09-2022
A Axencia Galega de Industrias Culturais recoñece a iniciativa do Concello de Vimianzo co proxecto ‘Costa da Vida’
A Axencia Galega de Industrias, AGADIC, vén de recoñecer a iniciativa presentada polo Concello de Vimianzo co proxecto ‘Costa da Vida’. Fíxose pública onte a adxudicación dos primeiros 630.00 0euros do novo fondo do Territorio Cultura. O obxectivo destas 15 propostas, entre as que se atopa a vimiancesa, é ampliar e diversificar o tecido cultural nos núcleos non urbanos. A proposta local acadou a máxima puntuación.
O obxectivo principal de ‘Costa da Vida’ é implicar á veciñanza en xeral, e ao tecido asociativo en particular, para a dinamización sociocultural do municipio, recuperando a vida e a cohesión social dos núcleos habitados do municipio a través da cultura e dunha visión e mensaxe positivas da nosa terra e da nosa comarca.
Trátase dun proxecto diferente que chegará a todos os estamentos da sociedade vimiancesa para converterse nun elemento vertebrador e transversal, introducindo unha intensa actividade cultural con compoñentes contemporáneos na vida cultural do municipio. Consta de 18 intervencións artísticas de primeiro nivel do panorama cultural galego, con disciplinas como a música, a narración oral, o teatro e a comedia.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, quixo destacar “o traballo de todo o equipo encargado de idear, redactar e fundamentar esta proposta”, sinalando “a gran tarefa que hoxe ten a súa recompensa e que agardamos, vexa a luz nos vindeiros meses”.