10-09-2022
Os traballadores municipais rematan o Curso Básico de Igualdade no marco do IV Plan de Igualdade 2022-2026
Os traballadores municipais do Concello de Vimianzo remataron o Curso Básico de Igualdade, no marco do IV Plan de Igualdade 2022-206 elaborado pola Administración local e destinado a persoal do propio Concello.
Trátase dunha formación específica sobre o uso da linguaxe inclusiva entre o persoal municipal. Tamén para implementar as medidas tendentes á utilización dunha linguaxe e imaxes inclusivas e non discriminatorias, e promover a concienciación do persoal municipal para o uso dunha linguaxe e imaxes non sexistas.
Nesta formación tratáronse os conceptos básicos á hora de abordar a igualdade e desde a posición da Administración á hora de liderar os temas de xénero. O obxectivo xeral foi favorecer o coñecemento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e aplicalo nas políticas municipais.
Especificamente, trátase de promover o efectivo cumprimento do principio de igualdade de trato e oportunidades na Administración municipal.
Os plans de igualdade consolídanse como unha ferramenta útil e eficaz de planificación estratéxica, a medio-longo prazo, das políticas de igualdade. Contén os obxectivos, liñas de actuación e medidas prácticas que contribuirán á diminución dos desequilibrios e desigualdades existentes entre mulleres e homes no concello de Vimianzo.
Todo Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades ten que axustarse á realidade do territorio no que se pretende intervir. O principal obxectivo do Plan de Igualdade do Concello de Vimianzo é promover cambios en prol da igualdade de oportunidades e á non violencia cara ás mulleres nun contexto patriarcal, machista e discriminatorio, mediante a incorporación do principio de igualdade, transversalidade e da integración da perspectiva de xénero en cada actuación municipal.
A concelleira de Igualdade, María José Pose, admite estar “moi satisfeita co traballo realizado, coa implicación do persoal e coa evolución en termos de implementación de medidas cara unha sociedade igualitaria en todos os seus ámbitos”, e quixo agradecer a traballadoras e traballadores municipais “que teñan participado cun alto grao de interese nesta formación”.