25-08-2022
O Concello pide máis responsabilidade e compromiso para reducir o gasto medio de consumo de auga
O Concello de Vimianzo volve incidir esta semana na necesidade de colaborar na redución do consumo da auga debido á situación de alerta hidrolóxica que está atravesando Galicia pola escaseza de precipitacións dos últimos meses.
Esta mañá, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e os técnicos municipais, participaron nunha xuntanza que reuniu o resto de mandatarios e mandatarias da Costa da Morte e representantes de Augas de Galicia para tratar a problemática da seca. Presentouse o plan de seca da Xunta de Galicia aprobado no mes de xuño, onde non se abordan os problemas estruturais e individualizados de cada municipio.
“Nesta reunión solicitei apoio á Xunta de Galicia, directrices e asesoramento técnico para poder comprobar os caudais dos nosos mananciais, porque cos medios municipais que temos non podemos cubrir estas necesidades técnicas”, sinala a alcaldesa de Vimianzo, quen adianta que “estamos facendo fronte ao problema con medios propios”.
As diversas captacións de auga en Vimianzo están experimentando unha baixada de nivel que fai que esteamos en alerta, é por iso que “temos que pedirlle á xente moita concienciación, porque coas pequenas accións individuais podemos contribuír a aminorar unha situación moi complexa nestes momentos”.
No municipio soneirán, non se reduciron os consumos no municipio a pesar das medidas que se implantaron o pasado 8 de agosto desde a Administración local a través dun bando de alcaldía.
Neste documento prohíbese o uso de auga potable para encher piscinas, regar, baldear ou limpar fachadas e vehículos. Tamén se insta ás empresas e comercios a minimizar o consumo deste recurso natural.
Desde o Concello piden á veciñanza un uso responsable da auga así como un maior compromiso de cara ao aforro deste recurso limitado. “Confiamos nos veciños e veciñas do municipio de Vimianzo e cremos que agora, máis que nunca, é necesario traballar en equipo para intentar paliar unha situación que xa de por si é delicada”, declarou a alcaldesa.