11-08-2022
Vimianzo acollerá este ano a iniciativa ‘A vila do mañá’ tras ser seleccionada para a XII BIAU
Vimianzo acollerá este ano a iniciativa ‘A vila do mañá’, unha proposta lúdico educativa dirixida á rapazada para avaliar e recuperar a identidade dos seus pobos e cidades. A localidade soneirá formará parte deste proxecto tras ser seleccionada para a XII BIAU (Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo).
Nos últimos anos esta iniciativa desenvolveuse en distintas localidades galegas chegando mesmo ata Sao Paulo, no Brasil. No caso de Vimianzo, as actividades e obradoiros desenvolveranse do 29 de agosto ao 2 de setembro. A programación contará cun total de 40 prazas e poderán inscribirse os nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2016. É totalmente de balde.
O reto principal deste proxecto é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura.
Deste xeito, a rapazada poderá desfrutar de actividades gratuítas relacionadas ca arte e a arquitectura nas rúas e espazos públicos de Vimianzo a través de seis conceptos: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade, a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña o plano e o elemento natural e tridimensional. Os obradoiros desenvolveranse de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Desde o goberno local agardan que os nenos e nenas se sumen a unha proposta “dinámica, especial e moi importante para toda a veciñanza, posto de aquí poden saír as bases de moitos proxectos futuros que tan só traerían beneficios ao municipio”.