08-08-2022
O Concello continúa mellorando os servizos públicos coa adquisición dun vehículo tipo pick up
O Concello de Vimianzo segue adiante co seu plan de mellora de servizos públicos a través da adquisición dun vehículo tipo pick up con plataforma elevadora por 77.004,4 euros.
O vehículo deberá ser compacto, non superando os 6,1 metros de longo e 2,7 de alto, permitindo ao equipo ter un bo comportamento fóra da estrada. A plataforma, pola súa banda, será aérea de dobre pantógrafo e de 16 metros de altura, facilitando os traballos de difícil acceso.
As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro mércores, 17 de agosto.
Adquisición dun tractor usado
Por outra banda, tamén está pendente a adquisición dun tractor usado en conxunto co Concello de Dumbría tras un acordo firmado por ambos gobernos o 25 de febreiro deste 2022. Este proxecto de colaboración, que forma parte do denominado ‘Investimentos para o medio ambiente nos concellos de Dumbría e Vimianzo 2022’, levouse a cabo debido á necesidade de xestionar a limpeza e conservación dos espazos naturais existentes nas zonas limítrofes de cada municipio.
O tractor será usado principalmente para realizar labores de prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco nas que ambos concellos se poidan ver afectados.
As persoas ou empresas licitadoras deberán presentar as súas ofertas obrigatoriamente de forma electrónica, a través da Plataforma de contratos do Sector Público, dentro do prazo de 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación de licitación no perfil do contratante.
O importe total da contratación ascende a 47.000 euros, sendo sufragado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, que concedeu aos Concellos de Vimianzo e Dumbría unha axuda de 35.550 euros. O resto será financiado polas Administracións locais a medias.
Tanto o vehículo pick up como o tractor usado deberán ser entregados antes do 25 de outubro deste ano.
Desde o goberno local destacan que estas adquisicións “permitirán ofrecer un mellor servizo á cidadanía ao incrementar as posibilidades de actuación en temas de limpeza e roza, sobre todo no rural e en zonas de difícil acceso, ademais de aumentar as capacidades de actuación dos empregados municipais en tarefas máis complexas”.