07-07-2022
Concello e Deputación poñen en marcha a segunda fase do proxecto de reforma da instalación eléctrica do Castelo de Vimianzo
A Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo poñen en marcha a segunda fase do proxecto de reforma da instalación eléctrica do Castelo, dando continuidade a un proxecto que comezaba o pasado ano.
Na fase anterior realizouse a substitución de condutores, mecanismos e elementos de iluminación minimizando a actuación sobre a contorna. Contou cun orzamento de 103.751,96 euros, ca instalación de cadros eléctricos novos, ademais da nova iluminación e novos aparellos de emerxencia e sinalización. Tamén se instalaron novos condutores onde o persoal técnico provincial detectou, e novas canles realizadas en tubaxe de cobre para os novos circuítos. Instalouse tamén unha nova toma de terra.
Nesta nova liña de actuación, complementarase a mellora na rede eléctrica e na iluminación, buscando a homoxeneidade da instalación completa; mellorarase a rede de datos, o sistema de alarma anti intrusión, o sistema de alarma anti incendios, a megafonía e o son ambiente nas estancias interiores na fortaleza soneirá, o son para eventos no patio interior e o sistema de protección contra raios.
Por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC), e buscando unha actualización e adaptación dos servizos existentes aos requerimentos e esixencias da normativa vixente, engadiranse estes sistemas tratando de actuar minimamente sobre a estrutura e muros do Castelo, realizando a meirande parte das instalacións en superficie ou ocultándoas a través do mobiliario. Con estas preténdese minimizar os riscos buscando a mínima afección ao inmoble en caso de incendio, tormenta, etc.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinala que esta segunda fase non é máis “unha rúbrica do compromiso adquirido da Deputación co Concello de Vimianzo para garantir o coidado e posta en valor dun dos edificios máis senlleiros da provincia e que acolle anualmente eventos culturais como a Mostra de Artesanía en Vivo, pero que tamén vén de albergar toda unha Festa de Interese Turístico de Galicia como os 25 Asaltos ao Castelo”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “tanto o presidente, Valentín González Formoso, como ó deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas e ó equipo técnico da Deputación centrar os esforzos na conservación e preservación, pero tamén na posta en valor dun dos emblemas da provincia”, sinala a rexedora.