Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María rivas, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, María José Pose, presentaron o IV Plan de Igualdade do Concello de Vimianzo que levarán as rúas do concello coincidindo cos festexos do Asalto ao Castelo.
María José Pose explicou os detalles do novo Plan de Igualdade e destacou o compromiso do goberno local de desenvolver as políticas reais de igualdade a través deste instrumento, que permitirá, dixo, concienciar ás persoas e sensibilizalas. “Temos que ter unha ferramenta útil de traballo para lograr este obxectivo e este plan determinará esas directrices para acadar unha igualdade real no noso concello”, apuntou.
Trátase dun plan aberto, flexible dinámico, que se adapta a realidade e a todos os cambios que se viñan producindo. De feito, sinalou que a un dos principios deste plan é a participación e proba disto é que para a súa elaboración contouse con asociacións, entidades, corpos de seguridade, centros educativos, veciños e veciñas e o persoal do concello, a quen agradeceu o seu labor.
De feito o vindeiro luns 27 de xuño (20.30 horas) presentará oficialmente este plan á veciñanza abrindo a Caseta da Igualdade, como punto de información e de asesoramento en temas de igualdade. E coincidindo co Día Internacional dos Dereitos pola Diversidade LGTBI a caseta permanecerá aberta durante toda a semana do Asalto ao Castelo. Os veciños poderán participar nos diferentes obradoirosde deseño e estampado de camisetas, gorras ou chapas coa temática da igualdade, presenciar o contacontos ‘Planeta LGTBI’, ou utilizar o merchandising elaborado para a ocasión. O obxectivo é concienciar a toda a veciñanza da importancia de acadar unha sociedade igualitaria e dar a coñecer este Plan de Igualdade.
A alcaldesa gabou o traballo levado a cabo pola concellería. “É un traballo magnífico que agora temos que poñer en marcha para levar esa concienciación a toda a sociedade, e cambiar moitas cousas, isto é unha guía de traballo que levaremos a cabo conxuntamente cos actores sociais do municipio”, sentenciou a primeira edil.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, felicitou ao Concello polo novo plan e destacou que “é un instrumento clave que deberían ter todos os concellos e alégrome de que fóra tan participado pola sociedade. Estes instrumentos axudan realmente a seguir avanzando na igualdade en todos os aspectos, sociais, laborais, educativos, etc... Podedes contar con nós para levar a cabo estes proxectos nos que o Goberno do Estado está absolutamente centrado.
Tanto a alcaldesa como a subdelegada coincidiron en sinalar o importante que é o traballo que se fai desde a base cos mais pequenos, nos centros educativos.