Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo, 17 de xuño – A Mostra de Artesanía en Vivo comeza mañá sábado a súa programación estival (tempada alta) no Castelo de Vimianzo co obxectivo de dar coñecer en directo as técnicas tradicionais que se desenvolven no icónico enclave ata o 15 de setembro en horario de 10:30 a 14:00 e 16:00 a 20:30 horas, de martes a domingo.
Desde mañá os artesáns e artesás que estarán presentes a partir deste sábado e ata o 15 de setembro serán; as especialistas do encaixe de Vimianzo, coa Asociación de “Panilleiras” As Nemanquiñas de Vimianzo; os artesáns que traballan co liño, coa Asociación de Veciños o Santiaguiño de Carreira (telar) e a Asociación de Amigos do Liño de Galicia ( proceso textil); o maquetista de barcos, Chema Suárez; a artesanía da prata e vidro, a cargo de Esther Ferreiro; os traballos en palla, coa Asociación Arte en Palla de Baíñas; a Olaría de Buño co Obradoiro Lista e Cambón; e o traballo de coiro e papel, coa Asociación Aspadex.
O Castelo de Vimianzo, berce da artesanía chegada de todos os puntos da Costa da Morte, será este verán o fogar de artesáns e artesás que manteñen vivo o espírito da milenaria tradición galega. Na Mostra de Artesanía en Vivo no Castelo e, ata o 15 de setembro, poderás comprobar en directo como se fan maquetas de barcos en madeira, contas de pulseiras en soprado de vidro, pulseiras trenzadas con auténtica palla de Baíñas, coñecer o encaixe, como se manexa o liño, a maneira de laborar o coiro de Asociación ASPADEX ou ter nas mans auténtica olaría de Buño.