Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo, 15 de xuño – Vimianzo estivo hoxe representado no lV Encontro Ruraltivity que reuniu en Madrid a 300 mulleres rurais emprendedoras. O acto estivo presidido pola ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez García, e outras personalidades do panorama financeiro, político e agroalimentario.
O proxecto de Silvina Muñoz, chamado Algareira, recibiu unha das bolsas Ruraltivity, un recoñecemento patrocinado pola Fundación PepsiCo e través do cal 10 emprendedoras rurais accederán a unha axuda directa de 5.000 euros para impulsar os seus proxectos.
Algareira é un obradoiro de repostería innovador asentado en Vimianzo que usa produtos mariños, ecolóxicos e sostibles, para as súas exquisitas creacións gastronómicas. Ademais, converteuse nun referente na economía circular por utilizar produtos das hortas da comarca que tamén son xestionadas por outras empresarias.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo en valor a importancia deste recoñecemento e quixo felicitar “a Silvina por este recoñecemento que, sen dúbida, representa a todas as nosas empresarias nunha contorna que non sempre é favorable para as mulleres. Ínstolle a seguir desenvolvendo o seu proxecto porque terá sempre o noso apoio e admiración".