31-05-2022
Vimianzo aproba en Pleno o IV Plan de Igualdade para os anos 2022-2026
O Concello de Vimianzo aprobou onte en sesión plenaria o IV Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para os anos 2022-2026. A sesión celebrouse onte ás 20:00 horas na sala de sesións.
Un Plan de Igualdade é o conxunto ordenado de medidas adoptadas despois de terse realizado un diagnóstico da realidade desde a perspectiva de xénero, co obxectivo de alcanzar a igualdade maneira real e efectiva, e conseguir que Vimianzo adquira o compromiso para facer do municipio un lugar onde a igualdade de oportunidades sexa a base da convivencia.
A posta en marcha deste IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do concello de Vimianzo é o resultado dunha aposta decidida da concellaría de Igualdade polo traballo estratéxico e constante neste ámbito, que permitirá construír entre todas e todos un municipio máis igualitario.
Este plan nace como estratexia metodolóxica para a implementación das políticas de igualdade en Vimianzo; nace para permitir a incorporación da perspectiva de xénero na administración local; nace para promover unha concienciación real de toda a cidadanía sobre a sociedade patriarcal na que vivimos e como iso configura quen somos e como nos comportamos; nace para ser conscientes das consecuencias e das causas da desigualdade estrutural coa que convivimos; nace para promover a participación das mulleres, para darlles voz, para facelas visibles e poñer en valor o traballo e as súas aportacións á sociedade; nace para loitar activamente contra calquera violencia cara a muller, polo simple feito de selo. En definitiva, nace para seguir camiñando e conseguir unha sociedade máis libre para todas as persoas, máis xusta e igualitaria.
A concelleira de Igualdade, María José Pose, sinala que “sabemos da grandeza dos nosos obxectivos, pero igual de grandes son as nosas conviccións e, por iso, comezo esta nova etapa coa certeza e a crenza de que o traballo constante e decidido permiten o avance cara o camiño da igualdade. Que así sexa”.
Outros puntos da orde do día
Tamén se levaron a debate, para posterior aprobación o ditame sobre a modificación da Ordenanza Fiscal número 17, reguladora da taxa por prestación de servizos e utilización de instalacións culturais, educativas, deportivas e análogas de titularidade municipal ou o Plan de medidas anti fraude para a xestión dos fondos “Next Generation UE”.
En tanto en canto o primeiro, as tarifas de utilización do ximnasio en euros/hora quedaría do seguinte xeito:
- Matrícula: 10 euros
- Abono individual adulto: 20 euros/mes
- Abono individual xuvenil: 15 euros/mes
- Abono individual diversidade funcional: 15 euros/mes
- Abono individual matinal: 15 euros/mes
- Abono Carné Xove: 15 euros/mes
- Entrada libre adulto: 3,50 euros
- Entrada libre especial: 2,50 euros
Ademais, para actividades dirixidas, as tarifas quedan da seguinte maneira:
- Adestramento para grupos reducidos, 2 horas á semana: 8 euros abonados, 15 euros non abonados.
- Adestramento grupos reducidos, 3 horas semanais: 15 euros abonados, 20 euros non abonados.
- Outras actividades dirixidas, 2 horas semanais: 8 euros abonados, 15 euros non abonados
- Outras actividades dirixidas, 3 horas semanais: 15 euros abonados, 20 euros non abonados.