22-04-2022
Vimianzo será a capital do autocaravanismo a mediados do mes de maio
Vimianzo será a capital do autocaravanismo durante os días 14, 15, 16 e 17 de maio, nunha concentración que reunirá “a máis de 100 vehículos”, segundo o Concello de Vimianzo e a Asociación Galega de Autocaravanas.
O primeiro día, o sábado 14 de maio, terá lugar a recepción na Casa da Cultura ás 10:30 horas, co posterior desprazamento á parroquia de Cereixo. Ás 14:00 horas está prevista a celebración dunha comida campestre na praza Nova de Cereixo. Ás 18:00 horas, un paseo guiado polo Porto de Cereixo, un núcleo de poboación moi antigo, que xa aparece nomeado en documentos medievais do rei Afonso VIII de León e Galicia. As persoas asistentes terán a posibilidade de desfrutar do seu patrimonio artístico civil, as Torres de Cereixo, un dos cabazos máis grandes da Costa da Morte e o muíño de mareas; tamén do relixioso, coa igrexa románica do século XII e a representación da Traslatio Beati Iacobi na súa porta. Ás 21:00 horas regresarase a Vimianzo.
Xa o domingo está proxectada unha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba, que comezará ás 10:00 horas. Declarados como Paisaxe Protexida no 2009 polo seu interese xeolóxico e xeomórfico, é un museo ao aire libre con esculturas graníticas esculpidas polo vento ao longo do tempo. Ás 14:00 horas terá lugar un xantar e ás 16:30 horas, unha visita guiada ao Castelo de Vimianzo por grupos de 25 persoas. Ás 17:00 horas conmemoraranse as Letras Galegas na praza do Concello, con actividades para que gocen as crianzas nun día especial para a nosa cultura.
Para o luns 16 de maio, o día no que Tanxugueiras tocarán na localidade, está prevista unha ruta polos segredos do Val de Vimianzo, cuxo inicio será ás 10:00 horas. Unha andaina circular que permitirá descubrir os sorprendentes tesouros que se agochan neste lugar e gozar das fermosas fervenzas do río Cambeda. Ás 14:30 horas, haberá un pícnic no merendeiro do Mosquetín, e tamén unha visita guiada a estes bens.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala este programa como “froito do traballo e esforzo de todo o equipo de Turismo, Cultura e Deportes”, a quenes quere agradecer “a súa implicación non só por confeccionar unha das mellores áreas de autocaravanas de toda a Costa da Morte; tamén por darlle sentido con este tipo de actividades”.
Pola súa banda, Xosé Anxo Cid, vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, destacou a “gran posibilidade que ofrece un municipio como Vimianzo, estratexicamente situado en canto a xeografía, para coñecer toda a Costa da Morte”. Quixo agradecer “o interese que amosou sempre o Concello de Vimianzo para levar a cabo esta infraestrutura”.
David Abelenda, de Autocaravanas Costa da Morte, fai fincapé na “crecente porcentaxe de turismo de este calibre, en voga desde hai uns anos, e desde o Concello de Vimianzo, a través de Víctor Santos, fíxose un traballo marabilloso para poder conformar a mellor área, e a dotada con maior equipamento, de toda a nosa Comunidade Autónoma”.