Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo dará a benvida á tempada de concertos co recital do trío relvelación da fusión da música tradicional, Tanxugueiras, composto por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.
A cita, que será a primeira destas características na Costa da Morte logo da pandemia, terá lugar o sábado 16 de maio, previamente á celebración do Día das Letras Galegas, ás 21:30 horas na rúa Brañas. As entradas estarán dispoñibles desde hoxe, sábado 9 de abril, en www.woutick.es cun prezo de 10 euros ata esgotar existencias.
Elas tres, cantareiras para unha nova década, son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria, fusionándoa con ritmos urbanos que se atopan preto do trap ou da electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vogal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo, coñecido como trad.
O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzalo novamente ó mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, comentou que “non hai mellor maneira de abrir boca para celebrar o Día das nosas Letras Galegas que cun concerto de Sabela, Aida e Olaia, quenes farán as delicias de todas as persoas que queiran achegarse a Vimianzo o vindeiro 16 de maio”, destacando que “non queremos que isto sexa só un concerto; é a primeira data de Tanxugueiras na Costa da Morte e queremos que a súa forza traspase, como ben din elas, fronteiras”.