Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Asalto ó Castelo de Vimianzo vén de conseguir a catalogación de Festa de Interese Turístico Galego, logo de contar co informe favorable por parte do Consello da Xunta de Galicia.
Este ano, logo da cancelación por mor da pandemia, conmemóranse 25 edicións desde o inicio desta celebración, e “que mellor maneira de facelo que coa denominación que hoxe se fai realidade”, apuntan desde o Concello.
“Moitos son os colectivos implicados en que hoxe, xoves 17 de marzo, isto sexa posible”, anota a alcaldesa, Mónica Rodríguez, “a destacar Cherinkas e Axvalso, a veciñanza, o equipo humano dos departamentos de Turismo e Cultura do Concello de Vimianzo e tamén á hostelería local, moi implicada no noso Asalto cos pinchos irmandiños”.
O Concello de Vimianzo remitiulle a solicitude á Xunta de Galicia para que o Asalto o Castelo de Vimianzo en xullo do 2019, e rubrícase tres anos despois. A partir de agora, poderá acceder a axudas para impulsar a súa promoción e contribuir a reforzar a autenticidade de Galicia como destino.
O Asalto ao Castelo de Vimianzo é unha singular festa que se celebra o primeiro sábado de xullo desde hai máis de dúas décadas. Unha celebración que nacía no seo dunha asociación de amigos e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. Ese espírito segue vivo, a entidade organizadora é Cherinkas, sen ánimo de lucro e formada por xentes da Terra de Soneira, coorganizador xunto co Concello de Vimianzo e Axvalso (entidade que iniciou a festa), alén da colaboración doutros colectivos sociais de toda a comarca.
O Asalto inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgún xeito simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do mundo actual.