09-03-2022
O miradoiro Ramón Berra acolle en Vimianzo un reivindicativo 8 de marzo coas mulleres do equipo de fútbol amateur como protagonistas
O Concello de Vimianzo reivindicou hoxe, Día Internacional da Muller, no miradoiro Ramón Berra coas mulleres do equipo de fútbol amateur como protagonistas.
Sobre a mesa está o proxecto de creación dun CIM, Centro de Información á Muller e a presentación do IV Plan de Igualdade municipal. A estas propostas súmanse as representacións teatrais difundidas pola Administración local a pasada semana: #2Pilgrims, Matrioskas e Facede o favor...pensade.
O goberno local, a través das concellerías de Benestar Social e Igualdade, presentará á Secretaría Xeral de Igualdade o proxecto que outorgará luz para a creación dun Centro de Información á Muller na localidade, que sirva como eixo vertebrador das iniciativas que se leven a cabo en Vimianzo no ámbito da muller, e á vez, como espazo divulgativo de cara as mulleres vimiancesas.
Dentro das iniciativas, o municipio acollerá tamén do 5 ao 27 de marzo a exposición ‘Nós somos elas’ da Deputación da Coruña. Unha mostra itinerante con 25 paneis creada pola AC Alexandre Bóveda. A exhibición pon o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes.
Para o vindeiro día 18 de marzo está prevista a presentación en sociedade do Plan de Igualdade municipal, un documento que nace como guía para integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos e accións de goberno municipais, apostando pola transversalidade como un dos obxectivos fundamentais.