30-11-2021
O Concello súmase ao proxecto “Cara unha escena plural” para dar visibilidade o mundo da danza
O Concello de Vimianzo vén de sumarse neste 2021 o proxecto “Cara a unha escena plural”, cuxo obxectivo é a mediación cultural que impulsa a circulación e a difusión da danza e artes vivas de carácter profesional de Galicia. A idea é traballar a prol dunha maior visibilidade da danza de cara á cidadanía.
Esta iniciativa está deseñada e coordinada por Caterina Varela e Sabela Mendoza, que conta co apoio da AGADIC e a colaboración de diversos concellos e espazos escénicos en Galicia, e neste contexto Vimianzo acollerá o vindeiro sábado 4 de decembro ás 20:00 horas a peza de danza de iXa-Xián Martínez, Pioneiras, na Casa da Cultura. Ao remate da función terá lugar un coloquio para que as persoas asistentes poidan departir co elenco da compañía.
Por cada respiración, por cada bágoa e por cada pinga de suor. “Pioneiras” aúna nunha experiencia de danza a infinitos tipos de mulleres, protagoniza o cliché e destrúe o prexuízo sobre o xénero. Homenaxea ás pioneiras, as que iniciaron a batalla pola igualdade, acompaña ás que seguen loitando e conmemora ás que non tiveron a oportunidade de vencer.