18-11-2021
25N “Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres”
Co galo do “Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres”, de novo me poño en contacto contigo para informarte e, como non, para convidarte a formar parte das actividades que temos programadas nos próximos días. Porque, como seguramente sabes, dende o Concello de Vimianzo, nin calamos, nin descansamos, namentres sigan existindo as barbaries que, día tras día, seguimos vendo froito da violenca machista. É por isto, que quero contar contigo.
Son moitas as funcións que ao longo do ano aparecen na carteleira do auditorio reclamando a igualdade entre homes e mulleres ou denunciando calquera tipo de violencia, polo que neste mes non podían faltar na carteleira obras tan reivindicativas como a que vai ter lugar o vindeiro sábado, 20 de novembro ás 20:30 horas co debut de “COSTUREIRAS” dirixido ao público adulto; así como o debut de Pedro Bandariz coa sesión de “CONTOS POLA IGUALDADE” que terá lugar o domingo, 28 ás 18:30 horas na casa da cultura.
Que dúbida cabe tamén, que a educación na igualdade é clave para acadar un mundo máis xusto e igualitario. Por iso, dende o concello continuamos traballando un ano máis co alumnado de todos os centros educativos de primaria e secundaria do municipio.
Nesta ocasión, o alumnado de primaria do CEIP San Vicenzo e do CEIP de Baíñas van ter a oportunidade de gozar e de aprender moito, rompendo estereotipos de xénero, co espectáculo teatral “A CABALEIRA DE MEDIEVÁNDALOS” que terá lugar no auditorio da casa da cultura o mesmo 25 de novembro ás 11:00h
Na mesma tarde do 25 de novembro, a partir das 17:30 horas, toda a rapazada e veciñanza que se achegue á praza do concello, terá a oportunidade de participar no obradoiro “DANDO A CHAPA CONTRA A VIOLENCIA” onde poderán diseñar e crear cadansúa chapa de alfinete, espello ou chapa-imán; e mesmo gañar o concurso da champa máis reivindicativa, máis orixinal ou máis chula; con premio incluido.
Son moitas as ocasións nas que puidemos contar coa colaboración da rapazada do IES Terra de Soneira para conmemorar esta data, e así o farán de novo este ano por medio da imaxinación e da creatividade de cada un deles centrada nos diferentes aspectos relacionados igualdade e erradicación da violencia de xénero creando unha chea de citas célebres, frases ou imaxes que quedarán seladas no chan das aulas por medio de vinilos que poderán seguir vendo día tras día.
Tamén puidemos contar coa súa colaboración o pasado mes de marzo que, con motivo da conmemoración do día da muller, foron quen de deseñar unha chea de imaxes gráficas para o fomento da igualdade, e de entre as cales se seleccionou a o logo que vai ser usado nos diferentes documentos municipais e que presentaremos ante toda a veciñanza este 25 de novembro ás 20:00 horas na praza do concello.
Momento na praza que tamén aproveitaremos para presenciar unha performance protagonizada por Diana Mera representando “UN XARDÍN POR (RE)CONSTRUÍR”, para a continuación dar paso á LECTURA DO MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
Poremos fin ao acto de concentración e conmemoración desta data gardando UN MINUTO DE SILENCIO, observando un xogo de luces que comezarán alumeando na memoria de todas as vítimas e rematarán queimando, e mesmo convertindo en fume, aos asasinos machistas.
Nada máis remato agradecendo de antemán a túa colaboración, aproveitando tamén para mandarte un agarimoso saúdo.
A alcaldesa
Mónica Rodríguez ordóñez