08-11-2021
Vimianzo acollerá a exposición fotográfica -Tecendo rede, tecendo recordos- na Casa da Cultura
A Casa da Cultura do Concello de Vimianzo acollerá do 11 ao 16 de novembro a exposición fotográfica “Tecendo rede, tecendo recordos”, unha iniciativa organizada por AFAFES e a FAGAL en conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer.
Con esta campaña quérese sensibilizar acerca da importancia da diagnose temperá para intervir a tempo na enfermidade, e deter ou retardar o seu avance. Hoxe máis ca nunca é necesario sinalar que uns hábitos de vida saudables, como facer exercicio, establecer rutinas ou socializar son fundamentais, non só para o desenvolvemento persoal, senón para evitar a aparición de enfermidades neurodexenerativas.
Esta exposición amosa o traballo diario e continuado que realizan as 15 asociacións alzhéimer de Galicia para o mantemento e mellora da calidade de vida das persoas usuarias e as súas familias. Poderase visitar en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.