21-10-2021
Vimianzo estrea un novo curso das escolas deportivas e culturais con máis de 1600 persoas inscritas
O Concello de Vimianzo estreou esta semana un novo curso de actividades culturais e deportivas baixo a denominación de ‘Actívate’, un programa no que destacan as actividades de música contemporánea, patinaxe, palillo, tiro con arco, debuxo, gravado e pintura, pequemotricidade, multideporte e actividades para maiores. Realizaron a preinscrición no programa máis de 1600 veciñas e veciños.
Cada persoa poderá gozar dun máximo de 5 actividades, sendo necesario un mínimo de 10 usuarias ou usuarios para a formación de grupos, agás nas actividades que se especifique o contrario.
É obrigatorio acceder ás instalacións cunha máscara de reposto e con puntualidade. As actividades deportivas en espazos pechados rematan dez minutos antes da hora prevista coa finalidade de ventilar a instalación e de que non se produzan aglomeracións entre a entrada dun grupo e a saída doutro.