17-08-2021
Non ao peche da ABANCA de BAIÑAS!!
O Concello de Vimianzo convoca unha nova concentración en sinal de protesta contra o peche da sucursal bancaria de Baíñas para o vindeiro 20 de agosto ás 13:00 horas diante da oficina de ABANCA.
O goberno local sinala que o peche da única sucursal de ABANCA na parroquia dificultará o acceso a un servizo esencial ás arredor de 700 persoas que residen nesta zona do termo municipal. A situación obrigará aos veciños e veciñas, moitos deles persoas maiores, a desprazarse para poder retirar cartos, realizar calquera tipo de trámite ou mesmo obter información ou asesoramento.
“Isto complica as opcións de retirar cartos e é un impedimento para realizar os múltiples trámites que se xestionan desde a entidade, unha situación que afecta ademais en maior medida ás persoas maiores e ás que non conten cun vehículo propio ou non poidan desprazarse nel cando o requiran”, sinala a rexedora, Mónica Rodríguez.
“Ademais, a xente de avanzada idade toparase coa fenda dixital se necesita obter información ou asesoramento e só pode facelo de forma telemática, xa que non se desenvolven coas aplicacións móbiles”, incidiu.
O equipo de goberno expresou que este tipo de trabas demostran a ausencia absoluta de apoio ao rural e insiste en que a eliminación da oficina en Baíñas tamén afectará á economía da zona, xa que o pequeno comercio local deixará de contar cun servizo esencial para poder desenvolver a súa actividade.
Unión á plataforma change.org
Desde o Concello de Vimianzo impulsouse desde esta mañá unha recollida de sinaturas de maneira telemática contra o peche desta oficina bancaria a través da plataforma
change.org, na que toda a veciñanza poderá amosar deste xeito o rexeitamento ao peche e o seu apoio á veciñanza afectada.
Poderá asinar a petición nesta ligazón:
http://chng.it/7gNmwBn9HF