14-07-2021
O Concello licita o proxecto de mellora da avenida da Gándara que conecta o instituto e a área recreativa do Muíño
O Concello de Vimianzo incluirá dentro das obras a realizar no Plan Único provincial o proxecto de mellora da avenida da Gándara, que une o instituto e a área recreativa do Muíño.
En total, o importe de licitación ascende a 78.206,77 euros e o obxectivo principal é dotar dun novo firme e ensanchar para que conte con dous carrís de circulación, beiravías e sendas peonís, á par que se instalarán evacuacións de pluviais e preinstalación para futuras redes de iluminación pública.
O tramo de actuación ten unha lonxitude de 220 metros e as obras servirán para mellorar as condicións de seguridade e a calidade de vida tanto na zona a intervir como en toda a contorna.
Os traballos consistirán na repavimentación do tramo descrito, formando unha calzada para tráfico lixeiro con base de 10 centímetros de zahorra natural sobre o xa existente, e de 30 centímetros no caso da ampliación, que será compactada cunha apisonadora.
Previamente o pavimentado construirase a rede de evacuación de pluviais por ambas as dúas marxes do vial. As beiravías peonís serán de 120 centímetros de ancho en formigón impreso e tamén se instalarán dous pasos de peóns, un ao comezo en continuidade co paseo fluvial, e outro en frente o instituto. Realizarase o recrecido das arquetas e bocas dos outros servizos existentes para adaptalas a rasante da vía.
O edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, sinala que “contamos con executar esta obra antes do inicio da tempada escolar para non estorbar así o correcto funcionamento da volta ás clases”, á vez que insiste na “necesidade real de acometer xa non só a mellora no pavimento, coa conseguinte optimización da seguridade, senón tamén instalar sistemas de pluviais e as beirarrúas”, finalizou.