05-07-2021
Vimianzo resiste á chuvia para vivir o espectáculo ‘Lume en terras irmandiñas’ nos xardíns do Castelo
Vimianzo viviu na noite de onte o espectáculo ‘Lume en terras irmandiñas’ da man do Bruxo Queiman, Andrea Pousa, a mellor compañía de recreación histórica ‘Especialistas de Hípica Celta’, os expertos en acrobacia ‘Especialistas de Circo Human No Limits’ e Pirotecnia Josman, de Ourense.
A través dunha narración oral da historia da revolta irmandiña, o espectáculo foi conducido pola voz do Bruxo Queiman, e o público asistente, que tivo que botar man do paraugas, puido disfrutar dunha mestura de acrobacias, música e sobre todo moito, moito lume.
Este espectáculo serve como antesala da conmemoración do XXV Aniversario do Asalto ao Castelo de Vimianzo, que se desenvolverá, se o contexto acompaña, no 2022. O ceo vimiancés encheuse, ao final do mesmo, de fogos de artificio, facendo as delicias dos alí presentes.
Desde o Concello de Vimianzo agradécese “a todas as persoas que fixeron posible a celebración desta noite máxica, desde os actores e actrices, acróbatas, equipo técnico, músicos, e sobre todo á veciñanza, que se encheu de valor, como si doutra revolta irmandiña se tratase, para batallarlle á chuvia e gozar dun espectáculo único”, subliñaron.