25-06-2021
Vimiansol, unha programación cultural para este verán repleta de teatro, maxia, circo e música
O Concello presentou esta mañá o Vimiansol, a súa programación cultural para este verán repleta de espectáculos de teatro, circenses, maxia, humor e música, achegando as principais compañías das artes de rúa do momento.
Tivo lugar no Salón de Plenos vimiancés e acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; a concelleira de Benestar Social, María José Pose; e a técnica de Cultura, Nieves Lema. As tres destacaron o compendio de “actividades como unha das principais opcións de ocio da comarca, coas principais compañías das artes de rúa do momento”, enfatizaron.
Polo noso municipio pasarán algunhas das máis importantes compañías do momento. Espectáculos o 24 de xullo como DistanS de VoleTemps, gañador do premio FETEN, de 4 premios do circo andaluz e premio Lorca; Rock Cirk de Rolabola o 14 de agosto, compañía recoñecida co Premio Nacional de Circo. Dous espectáculos de altísima calidade que conteñen música ao vivo, acrobacias aéreas e momentos de gran divertimento.
Neste Vimiansol hai cabida para a música e gozaremos coa actuación da vimiancesa Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre, acompañada de Bieito Romero. Teremos toda a música e a festa de O Sonoro Maxín o sábado 7 de agosto. Os abandeirados da cumbia e da festa galega, uns dos grupos máis populares cun repertorio cheo de éxitos da música galega.
O Sr Lili achéganos a Vimianzo a súa Discocleta unha cabina de “pinchadiscos” ao estilo os anos 70 para gozar coas melodías populares na noite do 17 de xullo.
Ademais poderemos ver a maxia de Dani García con Don Gelati, a gala de mulleres Cirqueiras con varias das máis destacadas artistas de circo do país e os seus malabares, acrobacias aéreas e equilibrios imposibles.
As Noites de cCne na rúa volven á praza do Concello e acollerán a estrea do filme Cuñados, comedia de enredos protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez. O Castelo de Vimianzo acollerá un xogo de escapismo na noite do 6 agosto, na que os participantes vivirán unha experiencia única e cargada de adrenalina.
Vimiansol pechará o 21 e o 28 de agosto cos novos espectáculos de Assircopatas ou Circo Chosco. Assircopatas presenta Abracadaver, novo espectáculo de clown estreado na Mostra de Cangas e Circo Chosco cunha nova proposta humorística cos portés como elemento artístico.
Un elenco de disciplinas e compañías do máis alto nivel para consolidar o Vimiansol como unha das principais programacións multidisciplinares en torno ao verán, a festa e ao humor.
Entrada de balde con reserva ata completar aforo Reservas na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9.00 a 14:00 h.
Información:cultura@vimianzo.gal
Descargas