24-06-2021
A Mostra de Artesanía en Vivo incluirá 10 obradoiros para coñecer o detalle das técnicas tradicionais no Castelo
A Mostra de Artesanía en Vivo incluirá dez obradoiros para dar a coñecer con detalle as técnicas tradicionais que se desenvolven no Castelo de Vimianzo durante todo o verán ata o 15 de setembro.
Comezarán o vindeiro día 3 de xullo co ‘Fiadeiro’, no que se dará a coñecer o proceso de transformación do liño ás 11:00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web do Concello de Vimianzo, e as prazas están limitadas a 12.
O día 10 de xullo, tamén ás 11:00 horas, será a quenda de ‘Modela con barro’ e correrá a cargo do Obradoiro Lista, de Buño. Para o día 17 do mesmo mes, Chema Suárez ensinaralle ás persoas alí presentes os pormenores das maquetas de barcos con ‘Barcos e nasas’. Tamén ás 11:00 horas.
‘Encadernación’ terá lugar o día 24 de xullo, tamén ás 11:00 horas e será impartido por parte de ASPADEX, no que se demostrará o poder da encadernación e cosido co coiro. O día 31 de xullo ‘Panillada’ permitirá aprender o arte da palillería da man da Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas. Ás 17:00 horas.
Inaugurando agosto, o día 7, ‘Sopla o vidro’ con Esther Ferreiro ás 11:00 horas amosarase como se poden facer contas de vidros a soplete. Para o día 14 está reservado o obradoiro ‘Tecendo o liño’, tamén ás 11:00 horas da mañá coa Asociación O Santiaguiño de Carreira, no que poderás manexar o tear e facer liño. O día 21 de agosto, unha nova quenda de olaría con Obradoiro Cambón ás 11:00 horas, ‘Modela co barro’, na que poderás ter olaría de Buño nas túas mans.
Para pechar o mes de agosto, a Asociación de Amigos de Liño de Galicia estará ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo co obradoiro ‘Confección liño’ para debullar a técnica de confección con liño. Por último, e para pechar esta serie de 10 obradoiros, ‘Arte en palla’ estará o 4 de setembro no Castelo de Vimianzo ás 11:00 horas para dar a coñecer a técnica de trenzado de pulseiras con auténtica palla de Baíñas.