23-06-2021
Vimianzo enaltece a manufactura da Costa da Morte presentando a XXVII campaña da súa Mostra de Artesanía en Vivo no Castelo
O Concello de Vimianzo enalteceu coa presentación da súa XXVII Mostra de Artesanía en Vivo o valor dos produtos manufactureiros de toda a Costa da Morte, nun evento que tivo lugar no Castelo de Vimianzo, “o noso emblema”, apuntaba a alcaldesa.
Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno; o deputado provincial José Manuel Pequeño e diversos mandatarios dos municipios limítrofes. Tiveron lugar varias actuacións musicais, por parte do grupo de gaitas Trubisquiña e o dúo Queimán e Andrea Pousa, así como a representación teatral de man dos Quinquilláns.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o presidente da Deputación da Coruña, entidade que colabora nun convenio coa Administración local para a xestión do Castelo, pronunciaron unhas palabras nas que valoraron “os complicados tempos vividos polas e polos artesáns e artesás durante todo este contexto sanitario”, e quixeron agradecer “o inconmensurable esforzo por parte dunhas persoas que forman parte do selo de identidade dun pobo, da Costa da Morte e de toda a comunidade”, insistiron.
Esta Mostra está integrada por preto dunhas 20 persoas que fan posible que o Castelo cobre vida desde o 15 de xullo ao 15 de setembro, durante o verán, e as fin de semanas durante todo o ano. Oleiros vidos desde Buño, un maquetista de barcos, a Asociación de Amigos do Liño de Galicia, a asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo; a artesanía en prata e soprado de vidro, a asociación de Veciños o Santiaguiño de Carreira de Zas e a artesanía do trenzado da palla de Baíñas. Ademais, ASPADEX tamén ten un posto, e conta con demostracións ao vivo de maneira intermitente.
O deputado José Manuel Pequeño subraiou que “como representante da Deputación provincial, é unha honra asistir á presentación da vixésimo sétima Mostra de Artesanía en Vivo nun ben patrimonial da envergadura do Castelo de Vimianzo, outro atractivo máis da Costa da Morte e que é unha actividade asentada na nosa contorna”, afirmou.
“O potencial que presenta a combinación de patrimonio arquitectónico e cultural transformándoo na Mostra que hoxe vimos a presentar, integrada por persoas vidas de todos os recunchos da Costa da Morte e que é digna de ver, en vivo, coas súas demostracións e observando o produto de primeira man”, apuntou.
Pola súa banda, a alcaldesa quixo destacar que “temos a obriga, desde as administracións, de preservar o noso e concienciar da relevancia do patrimonio, en todas as súas modalidades”, porque forma parte da “nosa sociedade e da identidade propia”, sendo parte “eterna do noso modo de vida”, finalizou.