23-06-2021
Vimianzo entrega os premios do concurso de imaxe gráfica de igualdade
O salón de actos do IES Terra de Soneira acolleu esta mañá a entrega de premios do concurso de imaxe gráfica de igualdade organizado polo Concello de Vimianzo, no que participou o alumnado do instituto. Mateo Calzas Moreira foi o gañador do certame, que outorgou unha mención especial a Saray Pérez Rama.
Esta iniciativa, organizada con motivo do Día da Muller, 8 de marzo, tivo como obxectivo que a mocidade reflexionara sobre temas como a identidade de xénero, os roles e estereotipos ou a discriminación, entre outros.
O xurado, composto pola concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, María José Pose, o técnico de Deportes, Victor Santos, a técnica de Cultura, Nieves Lema, a profesora do IES Terra de Soneira, Beatriz Álvarez, e o ilustrador vimiancés, Rubén Rial, analizou un total de 36 propostas, elixindo ás persoas finalistas e gañadoras baseándose en cuestións como a finalidade do deseño, a temática, o formato e a orixinalidade.
Mateo Calzas Moreira levou o premio do certame e agora a súa creación será a empregada como distintivo nas comunicacións e documentos oficiais do Concello. No acto entregóuselle o diploma -no que xa se incluíu o seu logo- xunto cun vale para consumir no comercio local e unha peza de artesanía coa forma do Castelo de Cimianzo. Saray Pérez Rama levou o premio mención especial pola temática e orixinalidade da súa proposta á hora de plasmar a brecha salarial de xénero e recibiu tamén outra peza de artesanía.
As obras de Manuela Pais Tedin, Eva Pérez Martínez, Lucía Roget Blanco, Samuel Suárez García e Isaac Varela Gándara foron as finalistas deste certame.
No acto de entrega dos premios, ademais das persoas galardoadas, estiveron presentes a coordinadora do proxecto no centro educativo, María Jesús Domínguez, a coordinadora do concurso, Melina Regueira, a concelleira María José Pose, o técnico de Deportes, Victor Santos, e a profesora Beatriz Álvarez.