17-06-2021
O Concello de Vimianzo executa melloras en varias pistas en Treos, Colúns e Carnio, así como a que dá acceso aos petróglifos de Boallo
O Concello de Vimianzo vén de executar a mellora en varios tramos da pista que conecta Treos con Colúns, e tamén no tramo que vai cara a Carnio. Foi posible grazas a unha subvención concedida por AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e desenvolvéronse diversas actuacións. Tamén se realizaron estes traballos na pista que dá acceso aos petróglifos de Boallo.
Entre elas, destácase a aplicación de zahorra no firme, optimizando así as posibilidades de circulación pola mesma tanto a vehículos como maquinaria agrícola de mediana e grande dimensión; leváronse a cabo tarefas de roza nas cunetas, as cales tamén se perfilaron; instaláronse novas canalizacións e entubouse o sistema de augas para un mellor servizo.
Desde o goberno local confirman que “estas intervencións, ben sexa con fondos propios ou a través da concesión de axudas por parte de distintas administracións, a nosa intención é mellorar as conexións inter parroquiais e incrementar a seguridade peonil e viaria, algo indispensable para a veciñanza”, sinalan.