14-06-2021
O venres 11 de xuño, rematou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, un xacemento arqueolóxico “moi potente” e que contén unha cantidade de información “única”, admite Tito Concheiro, arque
O venres 11 de xuño, rematou unha nova campaña de escavación no Castro das Barreiras, un xacemento arqueolóxico “moi potente” e que contén unha cantidade de información “única”, admite Tito Concheiro, arqueólogo xefe do equipo de Terra Arqueos.
“É como un volcán, de cada seis meses entra en erupción, que é cando vimos aquí, e sempre nos proporciona unha cantidade de información que nos fai ser ambiciosos”, continúa explicando, xa que nesta edición se abriron dous sectores, para facer a visita aínda máis satisfactoria.
Por isto, agora queda á vista unha área visitable con seis cabanas e un pano de muralla de máis de trinta metros de lonxitude, con tres escalóns (descubriuse un novo este ano) e onde se ten posta agora a mira esperanzadora: o parapeto, onde seguramente se atope mellor conservada.
Escavouse a sexta vivenda, que xa se albiscara na campaña precedente, de planta ovalada cun fogar central feito de arxela, un detalle moi emotivo porque “é o corazón da familia. É a cociña, onde se quentaban e onde se contaban os contos. É un pouco a lareira da cultura tradicional galega”, admite Concheiro.
Entre a muralla e esa vivenda atopamos unha serie de estruturas negativas, é dicir, os ocos que restan son construcións feitas en madeira. Isto é moi importante, xa que neste Castro había moita madeira. Construían unha serie de alpendres pegados á muralla.
Entre a arquitectura de pedra e o paramento da muralla había estruturas de madeira, que agora temos que imaxinar. É fundamental visitar os castros con imaxinación. “O que sae é sempre unha mínima parte do que foi”, continúa explicando o arqueólogo, Tito Concheiro.
A nivel material atopáronse moitos fragmentos que xa atoparamos no vertedoiro cerámico, de diversos estilos. Agora hai que clasificalos, hai que estudialos, pero a bote pronto, é un material interesantísimo, moi rico e cunha porcentaxe de decorado grande, que deixa entrever que estabamos nun cruce de camiños. “Vimianzo hoxe en día é un cruce de camiños e xa o era na prehistoria”, admite Concheiro, quen sinala a influencia de varias zonas, como de Artabria ou das Rías Baixas.
“O balance non pode ser máis positivo. Estamos moi contentos de como saíu. O Concello de Vimianzo acolleunos sempre moi ben e quero agradecerlle á alcaldesa, Mónica, e á concelleira de Cultura, Rosa, ter apostado por este xacemento arqueolóxico. Tivemos un programa que o dinamizou coas visitas de centros educativos. É moi importante que o coñezan, porque ten un potencial educativo e lúdico único”, remataba Concheiro, quen quería deixar patente que “o Concello de Vimianzo está recuperando a súa memoria. Estes son os primeiros vimianceses e vimiancesas, e temos que estar orgullosos do que fixeron, tanto como o que estamos a facer agora: lembralos e descubrilos”.
Pola súa banda, Luis Francisco López, membro do equipo de arqueoloxía, recalcaba que “ intentaremos precisar os límites cronolóxicos. Cando se funda, cando se abandona e máis que nada é o que intentaremos precisar un pouquiño máis, porque así entenderemos mellor este xacemento”.
Mónica Rodríguez, a alcaldesa de Vimianzo, recalcaba que “a imaxe cambiou moito, e é unha satisfacción. O noso compromiso é continuar, xa pensando na campaña de outono, que se fará, porque o noso interese desde a concellaría de Cultura e de todo o goberno é pensar nese enfoque frontal que temos aí, que temos ganas de descubrir. Dándolle continuidade a este “cruce de camiños” e desde o Concello de Vimianzo así será. Moitas grazas a Tito e a todo o seu equipo por todo o seu inconmensurable traballo”, finalizaba a rexedora.
Rosa Blanco, concelleira de Cultura, admitía que “en outono, cun contexto máis favorable sanitariamente falando, agardamos seguir amosándolle ao mundo esta xoia do noso patrimonio”.